20.3.06

O ESPAZO EUROPEO E OS PAS


A sociedade actual caracterízase pola globalización da economía, a continua transformación dos procesos produtivos, os avances producidos polas novas tecnoloxías da información e as comunicacións e o seu papel na configuración da sociedade do coñecemento. Todo isto afecta á organización da actividade humana, sometida a un cambio permanente. Para a adaptación a estes novos tempos, o papel das institucións de educación superior e das universidades é fundamental, pois deberán formar as persoas que teñan que desenvolver a súa actividade neste contexto de cambio permanente. O primeiro impulso neste sentido prodúcese coa Declaración de Boloña para a harmonización do Espazo Europeo de Educación Superior, cuxos obxectivos encamíñanse a:
  • Facilitar a inserción laboral dos licenciados e a homologación dos títulos universitarios no seo da UE que permitan a circulación de traballadores.
  • Impulsar a aprendizaxe ao longo da vida como estratexia de adaptación ás novas situacións de emprego e novas profesións.
  • Manter a dimensión social da educación, principal vehículo para a equidade e a liberdade dos cidadáns europeos.
  • Garantir a calidade en todos os obxectivos.
Neste contexto, a implantación do crédito europeo, o cambio de filosofía que supón centrar o sistema de ensino na aprendizaxe do alumno e na necesaria adaptación das universidades ás demandas de formación formuladas pola sociedade é unha oportunidade que as universidades deberán aproveitar para planificar o seu futuro. Para iso, habería que comezar por modificar estruturas e hábitos dos axentes implicados: os novos sistemas precisan de métodos novos. Principais elementos do novo sistema As novas titulacións deberán formularse tendo en conta a natureza cambiante do mundo do traballo, preparando ás persoas para a “empregabilidade”, e facendo fincapé nas capacidades e competencias e na flexibilidade da formación que deberá reflectirse nos currículos. As novas titulacións deberán definir o perfil académico e profesional da titulación, o resultado da formación en termos de competencias: qué debe saber e qué debe saber facer o graduado segundo o perfil da titulación. Ademais só se deberán poñer en marcha se hai os recursos necesarios para iso. A USC debería aproveitar a oportunidade no deseño das novas titulacións, baseadas en competencias, e deseñar estratexias que permitan aproveitar todas as súas potencialidades con propostas para a elaboración de planos de estudo conxuntos, dobres titulacións, posgraos interfacultativos ou vinculados á investigación, etc. A USC non pode repetir a desastrosa articulación dos planos de estudo actuais nos que as carreiras están montadas como unha sucesión de disciplinas que funcionan como unidades estancas, escasamente relacionadas coas que as precederon e coas que as seguirán no plano de estudos, moitas veces froito do simple xogo de intereses. Un novo modelo docente: a concepción da educación como simple transmisión-acumulación de coñecementos, de información do profesor ao alumnado, tal e como se está producir actualmente, está en crise, ao igual que o modelo pedagóxico tradicional. O novo paradigma do modelo europeo de educación superior, no que o centro do sistema está na aprendizaxe do alumno, vai permitir poñer en valor a función docente e preparar ao profesorado, formándoo nos novos coñecementos pedagóxicos, para enfrontarse a este novo reto que lle permita guiar ao alumno na súa aprendizaxe, para o que o manexo das TIC, como ferramenta de enorme potencialidade didáctica, será de grande importancia. O profesor ten que pasar do concepto individual do ensino ao traballo en equipo e de colaboración cos outros colegas docentes. A responsabilidade da revalorización da docencia correspóndelle facela non só aos responsables políticos e institucionais senón tamén ao propios docentes, que deberán aproveitar todos os avances tecnolóxicos para incorporalos ao proceso de ensino-aprendizaxe. Novas actitudes no estudantado: neste proceso, tamén o estudante deberá modificar as súas actitudes cara ao traballo e a valoración do esforzo. Os estudantes terán que realizar o seu traballo de xeito continuado dedicando tempo ás clases de contacto co profesor para que lle axude a construír as estruturas de pensamento, a desenvolver actitudes, habilidades e destrezas. Deberá dedicar tempo ao estudo independente para reflexionar sobre o que se dixo na clase, consultar, confrontar e ampliar a información debater cos compañeiros, o estudante pasa a ser o verdadeiro suxeito do novo modelo. Novos escenarios: deberá mellorarse a calidade dos espazos que delimitan e prefiguran as posibilidades da acción docente, para se converter en auténticos ámbitos de aprendizaxe autónoma dos alumnos. Haberá que dispor dunha maior variedade de espazos dispoñibles: bibliotecas, laboratorios, aulas de informática, seminarios para traballos en grupo, etc. Resultados docentes: este sistema obrigará a esixirlle á universidade maior eficiencia nos resultados docentes e maiores cotas de calidade. O novo enfoque centrado na aprendizaxe do estudante obriga a un cambio no sistema de avaliación, que debe servir para avanzar na consecución dos obxectivos establecidos e dotar de transparencia a todo o sistema educativo. O fracaso escolar que se produce na actualidade non ten cabida no novo sistema. Todo este proceso deberá permitir aplicar sistemas de avaliación dos resultados da docencia que analicen os resultados en función dos obxectivos e das competencias que deban adquirir os titulados. A avaliación é garantía de calidade. Como vai afrontar a USC a incorporación ao Espazo Europeo de Educación Superior Como moitas outras veces, a USC non vai ser a primeira en encetar este camiño. Nestes momentos as poucas experiencias existentes de aplicación do novo modelo estanse a facer con moito máis voluntarismo que realismo, polo que se precisa unha seria análise dos resultados. É necesario realizar dun amplo debate na comunidade universitaria que permita poñer en marcha todos aqueles cambios necesarios para a implantación do novo modelo:
  • Adecuar a organización de centros e departamentos ás novas necesidades, que faciliten a mobilidade do profesorado (substituír as actuais áreas de coñecemento por novos sistemas organizativos que potencien a mobilidade e a interdisciplinariedade).
  • Organizar planos de formación do profesorado con perfís pedagóxicos que actualicen a súa formación no uso dos novos métodos educativos.
  • Reformular o espazo nos centros, dimensionando as aulas e creando novos escenarios que permitan a aprendizaxe autónoma do alumnado.
  • Reformulación da normativa académica adecuándoa ao novo sistema que potencia a educación permanente ao longo de toda a vida.
  • Creación dun centro de recursos de apoio á docencia, o estudo e a investigación, que debería realizarse contando cos actuais recursos do ICE, CeTA, Centro de Linguas Modernas, área das TIC, Servimav e Bibliotecas.
O Espazo Europeo de Educación Superior e o Persoal de Administración e Servizos Se actualmente os recursos de PAS na USC e a ratio en relación ao profesorado e o alumnado é inferior á media tanto no Sistema Universitario Galego como no estatal, a implantación do crédito europeo require un maior número de efectivos que dean soporte ás novas necesidades que precisa a posta en marcha deste modelo. As principais áreas afectadas que precisarán modificar as súas estruturas organizativas e de cambios na prestación do servizo e no número de efectivos serán: Bibliotecas: como novo escenario para a aprendizaxe autónoma, tanto no traballo individual como no traballo en grupo. Os traballadores das bibliotecas precisarán de novos perfís profesionais para a atención dos usuarios, colaborando cos docentes na elaboración de contidos e cos estudantes facilitándolles a procura de información. Área Académica: atinxindo tanto aos servizos de xestión académica e de oferta académica, como a centros, departamentos e institutos de investigación. Deberá formularse unha oferta de estudos de xeito integrado: grao, posgrao e formación continua. A xestión deberá achegarse ao usuario, desconcentrando os puntos de atención. Será moi importante a colaboración do PAS para a organización da docencia dos centros: aulas, horarios, información sobre as diferentes titulacións que se poidan organizar, etc. Área de Servizos ao Estudantado: será necesario un incremento das axudas tanto para os estudos de grao como de posgrao para equipararnos coa media europea, así como para favorecer a mobilidade do estudantado, área de actividade que precisará dunha mellor dotación de recursos. Área de Recursos Humanos, especialmente PDI: deberá incorporarse a esta área a xestión do programa de formación docente, necesario para levar a cabo o cambio. Area TIC e laboratorios: requirirase un persoal cada vez máis especializado para a elaboración dos recursos de apoio á docencia, ao estudo e á investigación que favorezan a aprendizaxe autónoma do alumnado. A USC debería canalizar as capacidades intelectuais de todos os axentes implicados no proceso, que lle permitan adaptarse paulatinamente ao novo modelo de educación ao longo da vida, en evolución continua coa sociedade, fornecendo innovación e creatividade no ámbito investigador, docente e pedagóxico, e converténdose no referente de todo o sistema educativo. Xorden moitas dúbidas de que tal cousa chegue a producirse, pois polo que parece, isto non está entre os obxectivos prioritarios do actual equipo de dirección da universidade e polo que se ve e o pouco que se escoita, tampouco parece preocupar ao futuro equipo reitor.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Sorprende que desde A Trabe se faga unha valoración tan optimista, e non se cuestione o máis mínimo o novo escenario do ensino superior deseñado en Boloña, e que non se fale para nada de proxectos, ou mesmo de liñas propostas que representen modelos alternativos ao proposto no EEES. Unha cousa é que o modelo do EEES sexa inevitábel e que non poidamos facer nada para paralo ou modificalo, e outra darlle os nosos parabéns sen a máis mínima crítica.
A cuestión é se o modelo no que se vai integrar o noso ensino superior é o mellor para garantizar unha Universidade Pública e comprometida social, economica e culturalmente co País (e por tanto cos seus sectores máis desfavorecidos), ou vai ser unha aposta disfrazada (eu penso que non moi disfrazada) polos valores que agora cotizan á alza postulados pola OCDE, OMC(GATS) e que xa se vislumbraban no informe Bricall.
Pode ser que aplaudamos agora a nosa entrada no EEES e logo teñamos que saír á rúa reclamando algunha titulación que nos queren anular, ou que consideremos non compatíbel cunha Universidade Pública e socialmente comprometida co País que teñamos que pagar miles de euros por facer un ciclo de posgrao (case obrigado para valorizar minimamente a titulación) e ver de novo como o ensino universitario se elitiliza.
Ben, son casos que se poderían dar, ao mellor non, e que incluso alguén nos podería dicir que non terían relación co sistema educativo proposto; do mesmo xeito que votamos estusiastamente ao tratado de Constitución europea e logo nos escandalizamos con propostas como a Bolkenstein.
Sería lamentábel que a "harmonización" só servise para allanar o camiño para a penetración total do capital privado no ensino superior e para adaptar mellor o "capital humano" aos intereses empresariais.
Ogallá me equivoque