
Xestión Académica é un dos macroservizos afectado…(deberiamos dicir “infectado”?) por unha reforma. Se entendemos reforma como un lixeiro (?) cambio no organigrama e a supresión de prazas (postos base) nos diferentes servizos e unidades que o compoñen. O sentido común dinos que tería que existir unha avaliación previa, que mostrara as carencias e marcara o camiño para os cambios, necesarios por outra parte. Se existiu ese estudo que dirixiu a reforma, desde logo na práctica non se manifesta. Nas unidades e servizos de Xestión Académica séguese a facer o mesmo traballo, da mesma maneira pero con menos persoal. Aquel ¡NON SOBRA NINGÚN POSTO! que que non nos cansamos de repetir en sucesivas mobilizacións evidencia a súa verdade neses contratos que se renovan cada tres meses e que suplen aquelas prazas que non sobraban pero que foron suprimidas polo marabilloso Plan de PAS. Por se fora pouco, este servizo vese presionado por outros cambios. Nun período de catro anos substituíuse dúas veces a aplicación informática coa que se traballaba, a última XEScampus; supoñemos que tamén terá que ver coas “bondades” da reforma. Esta aplicación que se encargou de confeccionar unha desas UNIs que medran e se multiplican baixo o amparo deste equipo de goberno, seguramente (quen somos nós para dubidalo) chegará un día no que poderá funcionar ás mil marabillas pero as horas empregadas na adaptación e mellora da anterior aplicación, adicados por cada traballador@-usuari@ caeron no pozo da nada… Terannos preparado outro cambio proximamente cara á perfecta profesionalización do persoal? Ó volver a vista a Terceiro Ciclo, atopámolo tronzado en dous, respondendo a …que criterio profesional? Descoñecémolo. Como tamén descoñecemos o motivo polo que a súa inclusión efectiva no eido da xestión académica aínda está en suspenso, como segue pendente o seu acceso á aplicación informática da que anteriormente falabamos... Iso por non falar de que o seu volume de traballo increméntase a pasos axigantados con tanta proliferación de cursos e mestrados, especialistas, formación continua e posgraos varios, “elementos enriquecedores” para moitos membros da nosa comunidade universitaria. Non nos enganemos, aumenta o volume de traballo, pero… é directamente proporcional ao cadro de persoal da Sección de Posgrao e Terceiro Ciclo? Novamente non, e novamente… contratiños para saírmos do paso. Se encadramos as figuras de recente creación, os xestores/as de centro, dentro da reforma (porque non podemos negar que a figura de xestor/a de centro pretende recuperar o vencellamento, noutrora perdido, entre os centros e a xestión académica), a evidencia demostra que non abonda con crear postos e dotalos dunhas confusas funcións; a evidencia demostra que a optimización dos recursos e do traballo esixe algo máis que a boa vontade dos implicados; a evidencia demostra que, unha vez máis, se improvisou. O resultado da nosa análise é frustante. Cando intentamos atopar respostas non atopamos por ningures nin migalla da loada racionalización cara a unha mellor calidade dos servizos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario