
A USC conta cun Plan de Normalización Lingüística (PNL) aprobado case unanimemente polo Claustro en 2002, como froito dun traballo realizado pola Comisión de Normalización Lingüística do Claustro e do consenso entre toda a comunidade universitaria. Este Plan foi presentado como o primeiro desenvolvemento do Plan Estratéxico, que xa sabemos que vai á misa.... Este non é o noso plan ideal (n’A TRABE sempre pecamos un pouco de radicais), pero é o Plan que votamos e apoiamos (e cando nos poñemos, somos noxentamente institucionais...). É o Plan que queremos que se cumpra na USC e no prazo previsto: ata 2010. Só quedan catro anos por diante... Publicabamos n’A Trabiña nº 7, alá por xuño de 2000, “Será deste e dos equipos rectorais que veñan a responsabilidade política de cumprir ese programa (o PNL) nas partes que lles correspondan. E desde logo será responsabilidade deste e dos equipos rectorais que veñan a de fornecer os medios materiais e humanos suficientes...” A avaliación que facemos dende A TRABE a este respecto non é moi positiva. Primeiro, porque non albiscamos nin o empuxe nin a firmeza nin a transversalidade nin a concepción global necesaria no Consello de Dirección presidido por Senén Barro para cumprir e facer cumprir o Plan. Medidas soltas e sen forza, descarga da responsabilidade na iniciativa das comisións de normalización dos centros, e sobre todo medo a que cumprir o PNL poida poñer de unllas aos amigos, tanto docentes como de PAS... Segundo, porque os medios materiais e humanos son exactamente os mesmos que había antes de aprobar o Plan. Mellor dito: a partida económica reduciuse por mor do déficit financeiro da USC, e non houbo por parte do Consello de Dirección unha aposta por diversificar as fontes de financiamento. Os resultados da política de normalización da reitoría de Senén son pobres. A docencia, o prioritario para o PNL, segue sendo un eido colonizado polo castelán. Abonda dicir que nestes catro anos o galego só avanzou dun 17% a un 20% da docencia, e que seguimos producindo –por usar terminoloxía de moda- titulados nesta Universidade que nunca oíron galego nas clases. Pensamos que cando o Claustro da Universidade votou tan maioritariamente a prol do PNL, quería que realmente se cumprise. Así que... A TRABE proponse para este novo período, nin máis nin menos, que se cumpra o Plan de Normalización Lingüística: Que se cumpra a normativa propia da USC en relación ao uso do galego. Que se incremente o uso do galego na docencia, fixando un mínimo do 25% en todas as titulacións. Que se garanta a igualdade na avaliación da actividade investigadora daqueles/as que optan por facelo en galego. Que se consolide o galego como idioma de uso normal na xestión e nos servizos. Que se establezan niveis de coñecemento lingüísticos segundo os postos de traballo e que se racionalicen as probas de coñecemento de lingua galega na selección, promoción e mobilidade do PAS. Que a incorporación da USC ao Espazo Europeo de Ensino Superior e a mobilidade de estudantes e PDI non sexa unha nova pexa para o idioma propio da USC... A TRABE reclama de quen ostente a partir de agora o goberno da USC unha actitude decidida e firme para que a USC chegue a 2010 cos deberes de Lingua Galega feitos, e ben feitos... Como para un cum laude.
No hay comentarios:
Publicar un comentario