5.6.07

RESUMO DO CLAUSTRO DO 31 DE MAIO DE 2007

O xoves da semana pasada tivo lugar a segunda xuntanza deste novo Claustro:
Presentáronse un total de 64 emendas ao texto da Programación Plurianual das cales 8 corresponderon ao noso colectivo de PAS A Trabe.
Aproximadamente só un cinco por cento das emendas foron rexeitadas e, por primeira vez, existiu unha vontade de aceptar ou buscar un punto de consenso entre as propostas e os obxectivos do equipo de goberno e os da Trabe.

De seguido desenvolvemos máis polo miúdo o resultado das diferentes emendas presentadas:

CÓDIGO ÉTICO GLOBAL
En relación ao código ético global presentamos unha emenda de “supresión do texto” ao entendermos que este documento era un brinde ao sol e non facía ningunha achega á normativa xa existente. Finalmente, tralas explicacións do Valedor e da Comisión de traballo: - que non se trataba de normativizar nada, que non era máis que unha carta de presentación diante da sociedade ..., retiramos a emenda e decidimos absternos na votación ao texto.

LIÑAS XERAIS DA PROGRAMACIÓN PLURIANUAL
1. Presentamos varias emendas á redacción do apartado de Recursos Humanos acadándose en todas elas un novo texto consensuado no senso de:
- Demandar unha maior profesionalización da xestión, delimitando claramente aquelas competencias que, en relación ás funcións docentes e investigadoras, debe desenvolver o PDI e aqueloutras que debe desenvolver o PAS.
- En relación ás accións que se executarán para conseguir o obxectivo de adecuar o PAS ás novas necesidades de xestión e de apoio á docencia e investigación, solicitamos a inclusión do seguintes puntos:
* Que se promova a consecución dun acordo de condicións de traballo e de acceso para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia para garantir unhas condicións de traballo semellantes e facilitar a mobilidade dos traballadores e traballadoras das universidades galegas.
* Que se elabore un estudo de necesidades de PAS que se precisarán para a posta en marcha das infraestruturas recollidas na Programación.
* Que se garantan as condicións de seguridade dos espazos de traballo así como a mellora das infraestruturas e equipamentos do persoal de xestión.
* Que se elabore e execute un plan para a estabilidade do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación.
2. En relación ao apartado de Orientación Laboral e Autoemprego solicitamos a dotación do servizo e a estabilidade laboral do persoal a el vencellado. O equipo de goberno comprometeuse a realizar as negociacións necesarias coa Xunta de Galicia para garantir este obxectivo.
3. Dentro do Plano de Internacionalización da Universidade no que un dos seus obxectivos é a creación dun “Portal Web da USC en inglés” solicitamos que exista un compromiso de establecer o galego como idioma predeterminado de tódalas páxinas Web vencelladas ao Portal USC, dito compromiso foi aceptado.
4. Dentro do apartado das Infraestruturas solicítase que se realicen os proxectos do Edificio de Servizos Administrativos e do edificio de Depósito da Biblioteca durante o 2007 e a súa posta en marcha nos anos consecutivos. O equipo de goberno comprometeuse a facer o estudo durante 2007 e 2008 e, derivado deste, desenvolver os anteproyectos necesarios para a súa execución.
5. Finalmente, en relación aos aspectos da Seguridade solicítase a reubicación dos armarios de comunicacións próximos aos postos de traballo, solicitude que foi aceptada.

A Trabe fai unha valoración positiva, tanto das Liñas Xerais da Programación Plurianual como da actitude do equipo de goberno, xa que nos convocaron para presentarnos o documento e, posteriormente, para negociar-discutir as emendas presentadas polo noso colectivo. Como podedes ver no resume que vos achegamos todas elas foron aceptadas ou negociadas para acadar unha nova redacción máis axeitada. Tamén vos queremos comentar que esta vontade tamén existíu con outros colectivos, de aí que na votación final non houbera nin un só voto en contra, e tan só arredor de 10 abstencións. Isto non quita, tal e como comentamos no Claustro, que fagamos un labor de seguimento dos acordos e do documento finalmente aprobados.

10.1.07

Crónica dunha morte..., perdón, dun Claustro anunciado:

O pasado 21 de decembro celebrouse, ben o de celebrar é unha maneira de dicir: tivo lugar, desenvolveuse un Claustro para aprobar, entre outras cuestións as liñas xerais dos orzamentos. Liñas que certamente cada vez son máis xerais como resultado da gran capacidade de síntese de Vázquez Taín e o desinterese duns claustrais que se revelan incapaces de ter unha visión en profundidade da Universidade e tragan sen pestanexar que o Sr. Vázquez Taín nos siga transmitindo que para o ano que vén xa estará superada a crise. ¿Será que o goberno amigo nos pagará a débeda dos 50 millóns de Euros?

Os PAS emendamos as Liñas Xerais dos Orzamentos no senso de incrementar as partidas relacionadas coa ampliación e mellora dos cadros de persoal, concretamente pediamos o incremento do 1% das partidas nunha emenda que defendeu moi ben Anxo Doval argumentada nos baixos ratios PAS- PDI que ten a nosa universidade e na comparación retributiva coas outras universidades do Sistema Universitario Galego. Defensa e argumentación inútil pois o sector dominante do Claustro nunca foi susceptible de convencer pola vía dos argumentos.Qué razóns argumentais se poden esgrimir para defender unha suba do 12% nos orzamentos para TODAS as Facultades e Escolas, cando sabemos o que se fai en moitas delas cando chega o mes de Decembro e hai que pechar o exercicio, pois isto aprobárono xusto antes de defender cos seus votos que a USC siga a ser das que peor ratio PDI/PAS ten en España e que o seu PAS siga a ser o peor pagado das Universidades Galegas e dos peores de España. A TRABE cumprimos pois con ese compromiso primario de defender os intereses dos nosos representados no Claustro e, a pesar de que fixemos algunha emenda coa intención de corrixir minimamente o nulo esforzo en materia de Normalización Lingüística, mostramos certo cansazo á hora de facer emendas e intervencións de profundidade política nun foro que mostra sentimos de rallarse bastante con nós. Enténdase isto coma unha autocrítica e tamén como a expresión do compromiso de non abandonar nesa loita difícil e moitas veces con nulos resultados.

O Sr. Tedio, non o Carrera, o outro, ese que o diccionario define como aborrecemento e fastío, ten cada vez máis presenza na vida cotiá da Universidade e tamén nos claustros, estivo no Claustro asegurándose de que ninguén se saíse do guión.

A TRABE como ben sabedes, e moitos dos claustrais de A TRABE tamén noutros ámbitos coma o sindical, na CIG, leva moitos anos loitando por que a USC enfrontara os estudos necesarios para a normalización e profesionalización dos seus cadros. Hoxe, despois de 8 anos de Darío Villanueva e 5 do seu sucesor Senén Barro, despois de 6 xerentes e non xerentes incapaces de ter un proxecto de Administración e Servizos da USC, máis ala da tan usual berborrea útil para esconder a falta de contido, ou sen autonomía para facelo, despois de ter chegado a unha situación insostible de precariedade no emprego e nos servizos, despois do Convenio Colectivo como tobo de escape que abortou calquera posibilidade e das reformas administrativas parciais sempre pexadas polas presións estamentais, despois de que UNIXEST teña posto ovos nos niños quentes da USC e brile con descaro o vinilo dos seus rótulos no Campus universitario, despois de todo isto, o Sr. Vázquez Taín anuncia coma unha idea avanzada que van facer estudos dos Cadros de Persoal e acepta unha emenda para facer un estudo das Sociedade Participadas.

Aquí o Sr. Tedio vese algo superado polo enésimo anuncio duns estudos que xa son o símbolo do engano. Ten menos credibilidade có alcohólico prometendo que vai deixar de beber. E tamén se ve superado o Sr. Tedio pola comedia de aceitar unha emenda para facer un estudo das Sociedades Participadas. (non dubidamos da boa intención dos emendantes). Trátase de que esta é unha proposta que fixo o propio Sr. Vázquez Taín cando resultaba difícil explicar as perdas das empresas de UNIXEST no contexto do PEEF, reforza por tanto a estratexia de enredar con supostos estudos mentres UNIXEST medra. Non fan falta estudos para ver que servizos se solapan ou se substitúen e deberiamos recordar o famoso Plan Estratéxico de UNIXEST para saber as súas intencións e os balances das distintas empresas.

En fin! queda por ver que fará o merlo branco que foron buscar lonxe, acaso por que non se fiaban de ninguén que os coñecera e non estaban seguros de poderlle conceder a autonomía que lle corresponde á xerencia... Concederanlla a este?, Será o Sr. Moreno quen de exercela?. Desexamos e agardamos, polo ben da USC, que si.

Mentres tanto seguímonos preguntando se fomos, desde hai 15, anos uns adiantados incomprendidos, se do que se trataba era de non darnos a razón por ser nós quen somos, se simplemente se cagan de medo cando alguén lle sopla á súa berborrea de fume ou, tamén pode ser que nós non acabemos de comprender nin aceptar que a política universitaria e a actividade parlamentar do Claustro, neste caso, non é máis ca unha gran farsa. Se é así, carallo, alomenos representala ben!