8.11.06

CLAUSTRO UNIVERSITARIO EN LUGO

O día 7 de novembro de 2006 celebrouse o primeiro Claustro Universitario do tripartito.
Entre outros asuntos de trámite, informamos que quedou aprobada a composición das distintas Comisións e Mesa do Claustro. Os compañeiros de A TRABE que forman parte son:





25.9.06

E XA TEMOS XERENTE

Os xornais deste sábado confírmannos o anunciado a semana pasada:

La Voz de Galicia

El Correo Gallego

20.9.06

E ... PARECE QUE XA HAI XERENTE

Parece ser que finalmente rematou a nosa espera e este goberno empeza a descubrir o seu xogo.
Isto é para que vos vaiades informando.

8.9.06

E SEGUIMOS SEN XERENTE


Xa van alá 4 meses desde que o equipo reitoral encabezado por Senén Barro gañou as eleccións. Esa vitoria electoral debeunos coller de sorpresa xa que non tiñan previsto quen ía ser o/a Xerente. Tamén pode ser que a súa intención fora seguir como no período anterior, é dicir, esa figura é pouco importante total cada Vicerreitor exercerá de Xerente do seu respectivo ámbito, polo tanto con un/unha Xerente en funcións xa nos apañamos, pero entón non se entendería que cesara á anterior Xerente que efectivamente estaba en funcións. Aínda que nada máis sexa por axustarse á LOU e ós Estatutos teñen a obriga de nomear a alguén e levamos xa case dous meses incumprindo esa normativa. Pero ademais de cuestións estéticas e de axustarse á legalidade parece ser que sen esa figura a Universidade ten complicado cumprir cas súas funcións. A finais de xullo os Xefes de Servizo enviaron un escrito ó Reitor pedindo que dunha vez se nomeara un/unha Xerente, que cumpriran o seu propio programa electoral que falaba de reforzamento da Xerencia; pois ben, en vez diso, todo o contrario: nin xerente, nin vicexerente.

Dise, coméntase, rumoréase que xa se barallaron varios/as candidatos/as, pero que ó Sr. Reitor non lle fai tilín ningún, tamén pode haber dúas razóns: a) que despois dos extraordinarios xerentes do seu anterior período (só tivo uns meses a Ana Pulpeiro, despois mantíñaos en funcións para que non funcionaran), ningún alcanza ese nivel de excelencia, ou ben b) que ningún se axuste ao perfil de figura de palla que tanto lle gusta para que os Vicerreitores exerzan de xestores, enganando ó seu electorado a quen prometeu un reforzamento da Xerencia e a creación dunha estrutura xerencial. Se este “desencontro” é unha mostra do que nos espera con este multipartito no goberno da USC…, o que nos espera.

Sexa como for decídanse xa, o período vacacional non dura sempre. Agosto é mes inhábil para os efectos administrativos, pero xa levamos máis dunha semana de Setembro, e da segunda non pode pasar. Se non é por cumprir co seu programa (total Senén buscará razóns como xa o fixo o período anterior), sexa por cumprir a Lei, nomeen un/unha Xerente, pero por favor, que non sexa en funcións.

22.5.06

MOMENTO DE ANÁLISE E DEBATE

Unha vez coñecidos os resultados e recompostos da resaca "electoral", chegou o momento de que participedes activamente neste blog.

Como xa dixemos noutras ocasións, a nosa intención é que o seu funcionamento sexa multidirecciónal, dende A TRABE hacia os PAS e demais membros da comunidade universitaria, e viceversa.

Non sabemos quen é o personaxe da viñeta, un PAS, Senén ou un estudante, en calquera caso, as preguntas que están no aire son moitas. Se queres dar resposta a algunha delas ou incluso plantexar máis, PARTICIPA DEIXÁNDONOS A TÚA OPINIÓN:
  • Que análise fas dos resultados?
  • Qué posibles escenarios se nos aveciñan?
  • Agora que Casares é claustral haberá unha oposición real ao goberno de liberación universitaria?
  • Seremos A TRABE e os CAF a única oposición, tal e como adiantaba algún xornal?
  • Ou, se cadra, non fará falla opoñerse a nada porque estaremos encantados do camiño emprendido polo novo goberno?
  • .........

Para romper o xeo, xa está colgado o primeiro comentario recibido ao respecto.

11.5.06

RESULTADOS ELECTORAIS

Hoxe tocan en primeirísimo lugar as disculpas por non ter colgado esta información onte, que era o día apropiado para elo, pero problemas técnicos impedíronnos facelo.

En segundo lugar tocan os BICOS DE AGRADECEMENTO para:


  • todos vós polo voso seguimento e apoio
  • todos os sufridores-membros das mesas de PAS que aguantaron antonte ata a unha da mañá para que todos poideramos saber os resultados de PAS, ao igual que os outros sectores.
  • ás nosas duas compañeiras, Soledad Díaz Gay e Lucia Medina que, aínda que non saíron elixidas, traballaron coma os que máis para sacar este proxecto adiante. (Seguro que contaremos con elas para que sigan traballando na sombra)
  • Manolo Barreiro, antigo PAS da USC, que traballou a reo de xeito absolutamente desinteresado para que todo isto funcionara.
  • todos os que colaboraron con A Trabe dun xeito ou doutro.

E en terceiro lugar os resultados, que é o que a todos vos interesa. Fixemos varias taboas coa información que fomos recollendo para que vos fagades unha idea xeral de todo o proceso no relacionado co PAS:

  • PARTICIPACIÓN

(A nosa participación, coma sempre, exemplar)

  • ELECCIÓNS A REITOR NA USCE. VOTOS VÁLIDOS

(Nas eleccións a Reitor hai un censo de 35.340 votantes, dos cales só acudiron ás urnas 5.852, e destos, só votaron 2191 á candidatura de salvación nacional, é dicir, o 6'19 %).

Un gran éxito? Vosoutros xulgaredes.

E iso que houbo 1.470 votantes que votaron en branco e aos que o seu voto non se lles computou porque así aparece establecido especificamente no Regulamento Electoral da USC. Menos mal! Dirán algúns.

Trala análise da xornada, xa vistes que isto non foi coma o partido do Sevilla de antonte, aquí xuntáronse case todos os xogadores nun mesmo equipo, deixaron o outro só cos suplentes e aínda así gañaron nos penaltis.

  • ELECCIÓNS A REITOR NO SECTOR PAS

(Á vista destos resultados está claro que o PAS non aproba a xestión realizada polo candidato Senén Barro, nin confía nel nin no seu contrincante para guiar á USC nos futuros catro anos)

  • ELECCIÓNS AO CLAUSTRO. SECTOR PAS

(Á vista dos resultados só vos queremos dar as grazas por todo o voso apoio)

Xa sabedes o que A Trabe significa e representa, e por ese motivo imos estar aí defendendo iso que apoiastes e votastes, e tamén imos poñer todo o noso empeño en que este Blog siga sendo o noso punto de información e encontro con todos vós.

P.D.: Se vos fixades na prensa, comprobaredes que non aparecen os resultados do PAS, ¿Porqué? Simplemente porque pretenden que sigamos sendo os incontables (os que contan que non contan). Ao estilo das castas da India, aquí na USC tambén hai diferentes castas e nosoutros somos, sen dúbida, a peorciña de todas. Antonte o importante era o reconto dos votos ás candidaturas a reitor e os diferentes resultados do profesorado nos centros, cando xa todos tiñan rematado, os PAS continuamos co reconto ata a unha da mañá. Para contar os seus votos (4500) teñen 100 ou 200 mesas espalladas por toda a USC e para contar os nosos de Compostela (723) tiñamos só dúas, e grazas, porque querían poñer só unha. A solución é ben fácil, se puxeran o dobre de mesas, catro, rematariamos na metade de tempo, é dicir, á mesma hora que os demais.
Un comentario á parte merecen as actuacións de:

  • Antonio López, presidente da Comisión Electoral, por marcharse antes de tempo e deixar alí encargado ao Secretario Xeral da recollida das nosas actas. Se cadra estaba celebrando a pírrica victoria do seu candidato.
  • Do Secretario Xeral en funcións, pretendendo marcharse tamén (¿a brindar cos seus colegas?) ás 11 da noite e deixarnos alí sós, que leváramos as actas a casa cando rematáramos o reconto e que as entregáramos ao día seguinte. Evidentemente o noso resultado xa non importaba, por algo somos os incontables.

9.5.06

09/05/2006

...............................



XORNADA DE REFLEXIÓN



...............................

8.5.06

8/05/2006 PRESENTACIÓN

E xa chegamos ao último día da campaña pero non de funcionamento deste blog. Hoxe ofrecémosvos os últimos puntos de vista de A Trabe antes das eleccións e despois continuaremos informándovos do que vaia acontecendo na nosa querida USC.

(Mañá, día de reflexión e día no que non imos colgar novos contidos é o día perfecto para que lle botedes unha última ollada a este blog).

Os contidos de hoxe son:

SENECHO - O Contacontos





NON O PERDAS.
HOXE, 8 DE MAIO DE 2006
ÚNICO DÍA.
ENTRADA LIBRE

EXPEDIENTE X - ÚLTIMO CAPÍTULO_0

EXPEDIENTE X. ELECCIÓNS 2006 NA USC…MÉRCORES 10 DE MAIO…CAPÍTULO FINAL….???

PARTE I:

DENUNCIANDO A CONSPIRACIÓN, DESACREDITANDO AS MENTIRAS, ORGANIZANDO A RESISTENCIA SEN FISURAS…. FAI PLENO AO 15 VOTANDO A LISTA COMPLETA DE A TRABE EN SANTIAGO OU AOS 3 PRESENTADOS POR LUGO… E VOTA EN BRANCO NA ELECCIÓN A REITOR… .. NON TE ABSTEÑAS NEN VOTES NULO… O TEU VOTO BRANCO TERÁ VALOR NESTAS ELECCIÓNS...

PARTE II:

AS PROBAS DA EXISTENCIA DA CONSPIRACIÓN:

ENXENDROS, ABDUCCIÓNS E RE-APARICIÓNS….

CRER PARA COÑECER, DEMOSTRAR A MENTIRA, ORGANIZARSE, RESISTIR E CREAR ALTERNATIVAS PROPIAS……

“ENXENDROS”: A CANDIDATURA “ENXENDRO” DO PARRULO CON VETOS… O NUNCA VISTO : A CADRATURA DO CIRCO: A CANDIDATURA DE 3 MONTADOS NUN BURRO


EXPEDIENTE X - ÚLTIMO CAPÍTULO_1

PARTE I:

Denunciando a conspiración, desacreditando as mentiras, organizando a resistencia sen fisuras... Fai pleno ao 15 votando a lista completa de A Trabe en Santiago ou aos 3 presentados por Lugo... E vota en branco na elección a Reitor... Non te absteñas nen votes nulo... O teu voto branco terá valor nestas eleccións...

(E fomos ficando sós, o mar, o barco e máis nos ... (MANOEL-ANTONIO, poeta mariñeiro, do seu libro "De catro en catro"))

Ben hoxe remata xa a campaña electoral e mañá seica “estamos en guerra pero hai que reflexionar” que cantaban Antón Reixa e os Resentidos….

Falabamos no anterior capítulo do silandeiro pero expansivo proceso de “Abduccións a esgalla” que se estaban producindo na USC nos últimos anos (ver capítulo 2)….

Por abducir, abduciron até ao famoso e rebuldeiro “esquío” que aparecera polo Claustro da Reitoría cando gobernaba Darío Villanueva…. desapareceu sen deixar sinais, agás unhas misteriosas e escuras referencias do propio Darío no seu derradeiro discurso, o de despedida como Reitor… e a súa imaxe entre as máns de Darío, no cadro que deste último Reitor colga en San Xerome, cal se do enigmático e malicioso Dr. NO da serie de debuxos do inspector Gadget se tratase…¿Sería o pobre esquío da reitoría a primeira vítima do comezo “en práticas” desta terrible conspiración contra a universidade pública de cuias posteriores e múltiples abduccións xa falamos en capítulos anteriores?

Mañán é día de reflexión e o 10 de maio espérannos as urnas…Pero… rematará aquí o noso expediente X? Terán fin aquí as secuencias dos fenómenos estranos observados nos últimos anos no seo da nosa benquerida USC tras as eleccións ou pola contra continuará a conspiración aumentando o ritmo de abduccións até acadar totalmente os seus perigosos fíns para os cidadáns e a sociedade galega? .

Vemos difícil que remate aí, e por iso, antes de continuar dándovos conta das últimas probas que fomos arrecandando arredor desta “conspiración” que, sí, que existe, contra a universidade pública, vémonos na obriga de insistir e lembrarvos que esta segue, que o 10 de maio non remata nen se soluciona todo.

Haberá que seguir, haberá que estar aí, para evitar que poidan seguir conspirando e traballando “coas mans libres”, para que saiban que coñecemenos a súa existencia e as súas mentiras, artimañas, manipulacións e perigosas intencións e que seguiremos resistíndonos e combatendo pola Universidade Pública…..

É NECESARIO DAR UN PRIMEIRO PASO PARA COMEZAR A ORGANIZAR A RESISTENCIA…. O PAS TEN QUE IR VOTAR MASIVA E MAIORITARIAMENTE NAS ELECCIÓNS DO PRÓXIMO MÉRCORES 10 DE MAIO….NON FACELO SERÁ DEIXARLLES AS MANS LIBRES AOS QUE URDEN ESTA CONSPIRACIÓN E EQUIVALERÍA A “SUICIDARSE” OU DEIXARSE “EXTERNALIZAR” COMO SECTOR DA COMUNIDADE UNIVERSITARIA SEN OPOR RESISTENCIA, DÓCIL E SUMISAMENTE…

Por iso vémonos na necesidade de recorrer á túa, á vosa colaboración, a de todos os PAS, como cidadáns, como membros da comunidade universitaria e como traballadores dela, para chamarvos á participación masiva nas eleccións do 10 de maio…. Acude a votar, e convence a todos os compañeiros e compañeiras que poidas da importancia de votar ese día…….

PARA O CLAUSTRO, para que siga existindo unha Voz propia, unha voz crítica, unha voz defensora do PAS e da Universidade Pública que non se deixa abducir, que non se limita a estar e asentir, que participará e representará ao PAS activa, crítica, construtiva, reivindicativa e rebelde para non deixar que “enterren” á USC nun camiño sen retorno de UNIS, privatizacións, desleixos co persoal…..VOTA AOS CANDIDATOS DO COLECTIVO NACIONALISTA DE PAS A TRABE…. E VOTÁOS A TODOS ELES PARA QUE SEXAN CANTOS MÁIS MELLOR OS QUE VAIAN NESA MESMA LIÑA QUE EXPRESAMOS TODOS ESTES DÍAS DE CAMPAÑA TANTO NESTE BLOG COMO NA REVISTA IMPRESA DE A TRABE… PARA QUE QUEN GOBERNE A USC, SEXA QUEN SEXA, SAIBA QUE TERÁ NO CLAUSTRO QUEN CONTROLE, APOIE SE SON POSITIVAS, PERO TAMÉN CRITIQUE, EMENDE, REIVINDIQUE E DENUNCIE AS SÚAS ACCIÓNS DE GOBERNO SE SEGUEN POR ESTE MAL CAMIÑO QUE LEVAMOS NESTES ÚLTIMOS ANOS…..FAI UN PLENO AO 15 EN SANTIAGO OU MARCA ÁS “LEIRIÑAS” (TRES EN RAIA) EN LUGO

PARA A ELECCIÓN A REITOR

VOTA EN BRANCO…

Pero acude a votar, non faltes, participa, manifesta o teu interese e manifesta o teu descontento coas actuais e únicas alternativas, non cales, non os deixes de "mans libres"...

Que o voto de PAS sexa un voto masivo, maioritario, que lles diga claramente a todos estes señores, que fomos, somos, e seguiremos sendo membros activos e participativos desta comunidade universitaria compostelán aínda que pretendan excluírnos na prática coa súa política real.

Que manifeste claramente que non estamos de acordo co camiño de desleixo e deslixitimación da Universidade Pública que levan enfíado nestes anos de reitorías de Villanueva e Barro, de PUP e CU….

Que os PAS non temos por que ser sempre os “paganos” da súas nefastas políticas, tanto económicas (UNIS, despilfarro, mala xestión, …) como de persoal (desestruturación, abandono, caos, provocación, fomento do desencanto e desánimo profesionais e do desinterese pola institución….)

E que non nos vale que pretendan agora “envolvelo” con grandes promesas electorais, de “resarcirnos” de “recuperación do poder adquisitvo” nen “engadindo” ao paquete a “cadratura do circo” en tres plataformas (PUP-CU-UA)…

VOTO EN BRANCO

Porque tampouco podemos apoiar como alternativa a “aventureiros” disque “independentes” que nen apareceron nen se soubo ben onde estiveron todos estes anos nos que xa era evidente que facían falta voces discrepantes, alternativas á mala política deste e de anteriores equipos reitorais… Non podemos acreditar en que só aparece á última hora, nunhas eleccións postulándose como alternativa sen dar alternativas reais e amosando un grande descoñecemento sobre a comunidade universitaria compostelana…., tendo en conta ademáis que as poucas referencias que se teñen destes “aparecidos” non son tampouco moi “halagüeñas” (director xeral coa xunta do PP de don Manuel, 1º presidente da recén fundada por Darío Villanueva, Asociación de Antigos alumnos e amigos da USC…. e algunhas outras “froles” de mostra).

Porque os PAS, non acreditamos nas falacias ...

Porque temos os feitos dos teus catro anos de Reitor aínda moi frescos, e moi recentes, Senén… porque aínda que agora nos prometas “o ouro e o mouro” sabemos e vemos que segues “emperrenchado” no teu camiño de UNIS, e de precariedade para o PAS…. Aínda hai pouco que te negaches á igualación salarial dos PAS da USC cos de Vigo e Coruña con palabras pouco amables e máis ben adustas que figuran nas hemerotecas…..

Porque os “outros”, por moito que se fagan ver hoxe e por moito que digan, non estiveron onde tiñan que estar e cando tiñan que estar, porque en realidade tampouco hoxe se sabe moi ben onde están, e por eso non son fiables…..

Porque ningún dos dous candidatos e candidaturas nos ides comer o coco ós PAS nestas eleccións a Reitor…

PORQUE…. GAÑE O QUE GAÑE ESTAS ELECCIÓNS A REITOR DOS DOUS CANDIDATOS PRESENTADOS, TERÁ QUE SABER QUE O PAS ESTÁ E SEGUIRÁ A ESTAR AQUÍ, QUE É FUNDAMENTAL PARA O BÓ FUNCIONAMENTO DA INSTITUCIÓN E TERÁ QUE TELO EN CONTA Á HORA DE EXERCER A SÚA ACCIÓN DE GOBERNO…. E AÍNDA QUE O PRETENDA, SABE QUE NON SE PODERÁ DESFACER DOADAMENTE DO PAS, PORQUE SABE QUE É UN SECTOR ACTIVO E LOITADOR… E SABEN QUE CANDO MENOS TERÁ QUE CONTAR COA SEMPRE FIRME E TENAZ ACCIÓN DE PRESENTACIÓN DE PROPOSTAS ALTERNATIVAS, CONTROL, CRÍTICA E DENUNCIA DOS CLAUSTRAIS QUE SAIAN ELIXIDOS POLA TRABE.

A VERDADE ESTÁ ALÁ FÓRA… Truth is out there

E NÓS NON ACREDITAMOS NAS MENTIRAS... We don't believe the lie.

EXPEDIENTE X - ÚLTIMO CAPÍTULO_2

PARTE II:

AS PROBAS DA EXISTENCIA DA CONSPIRACIÓN:

ABDUCCIÓNS, ENXENDROS, E RE-APARICIÓNS….

CRER PARA COÑECER, DEMOSTRAR A MENTIRA, ORGANIZARSE, RESISTIR E CREAR ALTERNATIVAS PROPIAS……


ENXENDROS:
O PARRULO CON VETOS… O NUNCA VISTO: A CADRATURA DO CIRCO: A CANDIDATURA DE 3 MONTADOS NUN BURRO.

Falamos en anteriores capítulos de todas as abduccións habidas no seo da comunidade universitaria compostelana, pero…. Que ou quen as provocou?

Nas entranas da USC instalouse hai anos un estrano enxendro que, oculto tras a máscara dun falso “progresismo”, foi medrando a base de abducir todo o abducible e o indecible ….. comezou sendo PUPA, expandíuse relacionándose con CU e agóra, finalmente, logrando abducir tamén á parte dos “restos seUdo-Actuantes” da outra plataforma do PDI….

Mediante un “escuro procedemento” produto de arduos traballos de laboratorio que “froitificaron” no denominado en “clave” o “Parrulo con vetos”, como consecuencia do cal “cae Agís” (perdón polo esbirro) e vetan a unha posible candidata a vicerreitora proposta por UA por terse expresado libremente …, ese xa de por sí estrano enxendro transmútase novamente a partir de todo este “totum revolutum” e convértese nun voraz e estrano ser sen forma definida, unha masa visgosa e maleable que non se sabe cantas testas nen cantos corpos nen cantas patas ten, nen se anda para atrás ou para adiante, para arriba ou para abaixo, para a dereita ou para a esquerda, nen sequera se sabe se anda, e que entoa un tan increíble e sorpresivo como obsesivo “Totus tuus, Senén” conformando un “ente” tan “absorv-ente” que pretende ser e asumir él só, en realidade abducir, xa de vez a “absoluta e xenuína” representación de todos os pareceres, as ideas, os sectores, en definitiva que pretende “apoderarse” da representatividade de toda a que debera ser a rica pluralidade da comunidade universitaria compostelana…. Non só gobernar e decidir, senón pensar, sentir e incluso, polo que parece disentir xa este ente por todos os sectores, grupos e individuos que formamos a comunidade universitaria…

Co experimento “parrulo con vetos” enxendran (¡nunca mellor dito¡) a “auténtica candidatura enxendro” a candidatura “redonda” formada, disque¡, por 3 testas, 3 lados e 3 aristas que pretende acadar o “nunca visto”: A candidatura da cadratura do circo: algo que pretende ser a vez “o todo e a parte”, algo que se quere converter no “goberno universitario e na oposición universitaria incorporada no goberno universitario”…. Un achádego marabilloso, o mellor produto da investigación aplicada que se realiza na USC…. Algo así como o 3 en 1, o aceite ese tan anunciado, e que según Senén e os seus adláteres (antigüos, modernos e contemporáneos incluídos) resulta que é agora non só necesario senón o único remedio eficaz para engrasar ben á nosa institución cinco veces centenaria frente aos retos “euro-peos”…. Fixádevos senón que unión perfecta a lograda: todos en circo (como se da pista deste se tratase) cerrado, protexendo á “abella raiña” que sente no medio ben segura, todos ao seu redor pero botando aos dous membros máis espilidos e destacados da gUArdia pretoriana por diante para que apañen, en caso necesario, todas as hostilidades, mentres o resto fica nun discreto e intelixente segundo plano, máis ao resgardo destas….


EXPEDIENTE X - ÚLTIMO CAPÍTULO_3

ABDUCCIÓNS E RE-APARICIÓNS: A CANDIDATURA DAS “EXÓTICAS” E “DESCOÑECIDAS” CEBRAS, DISQUE “ABDUCIDAS” NON SE SABE ONDE NEN CANDO E, DISQUE, “RE-APARECIDAS” NAS ELECCIÓNS USC-2006…, DISQUE “INDEPENDENTES” E DISQUE “DESCOÑECEDORAS” DA USC…DISQUE, DISQUE, DISQUE…

I n d e p e n d e n t e s

I n d e p e n d e n t e s

Durante estes últimos 12 anos, foise facendo cada vez máis claro e patente que no seo da USC estaban a producirse estranos fenómenos inexplicables e inexplicados, ás veces á penas perceptibles pola gran maioría, e outras veces si percibidos pero que foron “ben disfrazados” diante da opinión pública e da maioría dos membros da comunidade universitaria… Mentras estes feitos se estaban a producir houbo algúns membros individualmente e outros que se comezaron a organizar en grupos movidos pola curiosidade e o afán de coñecer o alcance, as causas e a finalidade destes estranos fenómenos, grupos que co tempo foron recopilando información sobre a existencia da “conspiración” e se organizaron definitivamente para facer frente á mesma….

No camiño, algúns destes membros individuais e incluso algúns grupos acabaron claramente “abducidos” e desde hai xa algún tempo deixaron de “resistirse” ao proceso de “alleamento” ou “alienixenización” que sofre a USC, chegando incluso a día de hoxe a ser parte do “magma”, da “masa asentidora” que lle presta crédito e forza a ese “enxendro” que aniñou nas entranas da USC hai anos e que hoxe se presenta como a Candidatura SQP de 3 nun burro…. SQP…(Só Queremos o Poder… aínda que eles dín, con moita soberbia e pretenciosidade que Sabemos, Queremos e Podemos…-eles claro-)…

Nese camiño, finalmente e como dicía o poeta rianxeiro e mariñeiro Manoel-Antonio en de “Catro a Catro”: E fomos ficando sós, o mar, o barco e máis nós… É dicir, abdubcción tras abducción, foron conseguindo reducir a resistencia á súa conspiración, e ao final, chegando ao claustro do presupostos 2006 recentemente celebrado, só quedou, quedamos, como resistencia activa, presentado emendas alternativas e críticas contra a “contabilidade creativa” coa que este e outros equipos levaron á USC ás portas da ruina, os representantes de PAS elixidos no seu día baixo as siglas e a garantía da coherencia das ideas e a traxectoría do colectivo nacionalista A TRABE…. Non oíndose nese debate ningunha outra voz, nin presentándose nin unha sóa liña alternativa coa intención de provocar o debate e a reflexión necesarias en torno a temas tan importantes….

Así foron estes anos, polo medio desapareceron outras voces, outras alternativas… U-lo Sabucedo e a súa universidade en positivo?.... U-la UA?...Oh la, la….qui lo sá….uns máis para acó… outros no más alá….

E de repente, “como del rayo” (que dicía Miguel Hernández) xurde un Señor, ao principio só, logo abeirado á sombra dun cortizo e posteriormente xa acompañado de máis tropa… que “dí” ser a alternativa “esperada” e “soñada” por toda a comunidade universitaria compostelana… Xurde da nada, así de repente, sen que en todos estes anos soubésemos del nada que tivese que ver con a primeira palabra sobre o mal camiño que levaba a USC, sen que abrise a boca para denunciar a falta de transparencia, os problemas económicos, a mala xestión…. As únicas referencias: foi director xeral coa Xunta de D. Manuel, e iso sí, eminentemente universitario, foi 1º presidente da recén criada por Dario Villanueva (¿inocente, inocente da crise económica da USC??) Asociación de Antiguos alumnos e Amigos da USC… ¡¡Seica daquela non lle preocupaba como ía a USC, a súa economía, e o xeito prepotente e pouco participativo de gobernar e levar a mesma¡¡¡¡

E vai e preséntase cunha candidatura que dí que é “a alternativa”. A candidatura de Juan Casares que se denomina “Independentes” e se dí “fóra da política” e “eminentemente universitaria” ven sendo unha candidatura que dí que estivo “abducida” todos estes anos e de repente, dí, “reaparece” novamente para ser a solución….. Preséntanse agora así, “ex novo” pretendendo facernos crer nalgo así como se produto dun “erro” dos “alieníxenas”, hai anos e sen que ninguén se enterase na USC, porque ninguén os botaba de menos, os abducisen…. E resulta que anos despois os volven poñer no “campo galego” e “preséntanse coma “exóticas cebras” alleas que nada teñen que ver co que aquí acontece e veu acontecendo… Elas non son animais propios do país, son “animais orixinais” a “raias” e todas teñen raias distintas entre sí…. As raias son as que as diferenzan e identifican, unha a una entre sí. Pero para nós vistas xuntas… todas son iguais¡¡¡¡ Total que ao final, quen pode acreditar neles?

Ademáis, e xa para rematar… Non sei se vos decatarades pero sexan burros do país por moito que vaian subidos a 3 plataformas, ou sexan exóticas orixinais e independentes cebras multi-pixamas de raias… ao final resulta que todos son da familia dos equinos… e ademáis, coidadiño… porque ambas-as-dúas dan couces……

LIÑA A TRABE 6ª PARADA

Liña A Trabe - USCTour
6ª Parada: Campus Sur
Lugo-Compostela- Claustro da USC
E COS TRES PASAXEIROS DE HOXE XA VAI CHEO O SEGUNDO AUTOBUS:
  1. Xosé Antón Freire Ramos. Xa foi membro de todos os órganos da Universidade habidos e por haber, e ademais en múltiples ocasións. Poderíamos nomealos pero seguro que se nos esquece algún. Agora vólvese presentar, como non podía ser doutro xeito.
  2. Chus González Torre. Dende hai algúns anos forma parte do Comité de Saúde Laboral, do Claustro, da Xunta Electoral Central, do equipo de fútbol feminino ...., e como aínda lle quedan folgos, quere seguir formando parte do Claustro.
  3. Maribel Fraga González. Aínda non nos estivo representando en ningún destes órganos, pero está preparada para a alta competición, polo que se a elixides desta volta, de bon seguro que recuncará.

E ESTE É O RESULTADO FINAL DESTA VIAXE. 2 AUTOBUSES CHEOS DE CANDIDATOS QUE ESPERAN RECIBIR O TEU APOIO O MÉRCORES.

POLA PARTE QUE NOS TOCA, QUEREMOSTE DAR AS GRAZAS POR VIAXAR CON NÓS DURANTE ESTES DÍAS.

5.5.06

5/05/2006 PRESENTACIÓN

Queridos compañeiros, hoxe repetimos seccións, que non contidos:

  1. Un novo capítulo de "Pola parte que nos toca" (onte foi Senén así que hoxe tócalle a Casares).
  2. Unha nova parada da Liña A Trabe coa recollida de 3 novos pasaxeiros.
  3. Carteleira de Cine é un espazo adicado ás estreas cinematográficas na USC.

Lémbrovos que o luns teredes último episodio da serie televisiva de máis éxito na nosa Universidade, estamos a falar de:

EXPEDIENTE X - ELECCIÓNS NA USC

Se non vistes algún dos capítulos anteriores podedes picar nestas ligazóns:

CAPÍTULO

2º CAPÍTULO

05/05/2006

Pola parte que nos toca: Eleccións a Reitor

Juan Casares, aspirante a reitor, encabeza unha candidatura que inevitablemente está destinada a artellarse, ao menos neste momento, sobre o descontento e o cabreo como amalgama de coesión, lexítimo, pero non somos capaces de acreditar que se poda erguer un proxecto con garantías de viabilidade. O tempo encargarase de resolver esta cuestión, pero o único certo a día de hoxe é que configuran un proxecto que non coñecemos e do que non temos referencias suficientes para contrastalo.

Non ter participado nos gobernos recentes da USC líbraos, aos nosos ollos, de ter perdido a credibilidade para gobernar, pero a súa ausencia tamén como oposición activa durante todos estos anos failles carecer do bagaxe necesario para dotar ao seu proxecto da outra credibilidade política que tamén se reclama nestes casos. É como dicir que son descoñecidos políticos na USC, e aínda que esto non descalifica por si, apoialos desde o descoñecemento casi total no que hoxe nos atopamos seria pedirlle aos compañeiros e compañeiras do PAS que entregaran un cheque en branco, algo que en coherencia coa nosa traxectoria e as nosas conviccións non podemos facer. A Trabe non asina, nen endosa, cheques en branco.


Por todo o dito, consideramos que o PAS non pode votar a este candidato e como, por limitacións legais, non podemos presentar un candidato a Reitor, mais ca de forma simbólica, a nosa opción nas eleccións a Reitor é: ¡VOTO EN BRANCO! Participativo, activo, crítico, e a ser posible, coa vosa decisión, maioritario no colectivo PAS...
Liña A Trabe - USCTour
5ª Parada: Casco Histórico
Lugo-Compostela-Claustro da USC
RECIBIMOS UNHA CHAMADA DE XERENCIA, ¿QUE XERENCIA?, PEDÍNDONOS QUE POR FAVOR RECOLLERAMOS A 3 PASAXEIROS QUE ESTABAN ALÍ PROTESTANDO PORQUE A LIÑA SE MARCHARA SEN ELES. ASÍ QUE NON NOS QUEDOU MÁIS REMEDIO QUE VOLVER POR:
  1. Moncho Arufe Vidal. Xa foi membro do Claustro na época de Villanueva e agora gustaríalle volver tras un pequeno periodo de descanso. Actualmente está destinado na Biblioteca de Xeografía e Historia.
  2. Carme Espiñeira Regueiro. É a máis fácil de ver e contactar, xa que todos os días pasa por todos os Centros a levarnos o correo. Xa forma parte do Comité de Empresa e agora preséntase ao Claustro.
  3. Alberte Pérez Viso. Aínda que xa participou en todos os órganos en múltiples ocasións, Claustro, Consello Social, Xunta de Goberno, non podemos prescindir del e el non pode prescindir de nós, e por iso volve presentarse a estas eleccións.

LEMBRADE QUE O LUNS REMATAMOS DE ENCHER OS 2 AUTOBUSES CON TODOS OS PASAXEIROS QUE A LIÑA A TRABE QUERE LEVAR ATA O CLAUSTRO DA USC.

CARTELEIRA DE CINE

O prometido é debeda… hoxe no noso blog estamos de estrea…..

De cara a que disfrutedes da fin de semán que comeza hoxe abrimos a nosa nova sección de CARTELEIRA DE CINE con dúas estreas de contidos “eminentemente universitarios”, ambos moi interesantes e con contidos que provocan a reflexion, pero en todo caso, de dous xéneros distintos para que poida abranguer gustos cinéfilos variados……

A primeira película vai da “mafia”: trata do fillo dun “capo di capos” que aprendendo ben o “oficio” do seu pai, chega a ocupar o posto de “capo” ao frente da familia, actuando sen escúpulos e rodeado de fieis e crueis esbirros (attchís, attchís…) para conseguir os seus fins.. Finalmente e consorte, acabara pagando coa cuñada súa mesma madeira……


A segunda película vai de ciencia-ficción, invasións alieníxenas e resistencia ás mesmas… E de repende aparecen, como saídos da nada, sen saberse de onde, uns señores cun tal J.C. (Juan Casares?) á frente que dín que foron abducidos, pero que ninguén botou en falta en todo este tempo…. Denomínanse “independentes” e aparecen así, de repente, decindo que están en contra da invasión alieníxena e que queren liderar a alternativa da resistencia á mesma…. Pero… serán capaces de convencer ao resto da xente para que lles deixe liderar a resistencia? Poderán acreditar neles cando non se lles viu nestes anos opoñerse ao inicio das invasións?.... Non serán outros alieníxenas “disfrazados” de humanos que queren tamén invadirnos?....

Esperamos que disfrutedes con calquera delas, e non vos esquezades, o luns vémonos de novo co último episodio do Expediente X, e se cadra con algún outro hit-parade do Rei-top Manta.

4.5.06

4/05/2006 PRESENTACIÓN

Hoxe, ademais de seguir na nosa "Liña", tamén vos ofrecemos unha exclusiva universitaria:
  1. O nº 1 do Hit-Parade Universitario:
    SENÉN-UP e o seu "Estouno facendo moi ben ..."
  2. Un novo capítulo de "Pola parte que nos toca", e
  3. Que coñezades aos 3 novos pasaxeiros que se suben na Liña A Trabe

(XA SABEDES QUE MAÑÁ VOLVEMOS ESTAR AQUÍ)

REI-TOP MANTA

Tal e como como vos anunciamos, hoxe inauguramos unha nova sección neste blog... Non podíamos deixar de adicarlle un mínimo espazo á música.

Aquí vos iremos poñendo aqueles “jingles” ou “cancións publicitarias” da campaña eleitoral 2006 na USC que vaian acadando unha maior difusión por nº de ventas “piratas”, e dicir, no REI-TOP MANTA.

E para comezar nada mellor que a “Gozosa 'marcha' triunfal” que utiliza o noso candidato tripa-hartito e paritorio… o máis excelente e magnífico co seu grupo:

SENÉN-UP

Estouno facendo moi ben, moi ben,
Estouno facendo tan ben tan ben tan ben,

Que xa recibín parabéns de don Manuel…

e de toda a Xunta do PPé.
Sigue así e non pares, sigue Senén,
“afogando na miséria á USCé”

Estouno facendo moi ben, moi ben,
Estouno facendo moi ben moi ben moi ben,
recortando postos de traballo e inflando UNIXEST
inflando as contas das UNIS ás costas da USCé, …

E agóra que hai bi-partito na autoromía
Preséntome de novo, repetiría……
Aí imos tres nun burro con plataformas,
se o fixen tan ben sen cartos, como dicían,
coas sacas ben cheiñas ¡¡¡que non faría???¡¡¡

Coidadiño, coidado, coidado Nennngss,
Que non repita de reitor o Senénggg,
Que ten a testa moi erguida e os pés de barro,
e funde na miseria á USC….

04/05/2006

Pola parte que nos toca: Eleccións a Reitor

Senén Barro Ameneiro
é o actual reitor, o responsable máximo dos últimos catro anos dun goberno universitario nos que vivimos abocados a combatir casi día a día as súas decisións políticas: lembramos o Plan de PAS (a poítica de PAS en xeral); o non-xerente (tres anos en non-funcións); o caso da cuñadísima; os máis de 50 millóns de Euros de déficit; os esbozos de contabilidade creativa para disimulalos; a cobardía política frente ao goberno do partido popular e o seu estrangulamento financieiro sistemático e paulatino da USC; o PEEF para facer pagar aos de sempre a conversión do déficit en débeda; a fragmentación e mercantilización da USC ofrecida como golosina que xa paladean desde Universia as duplas Botín-Banco de Santander e Bill Gates-Microsoft, por exemplo; a calidade como lema valeiro e a universidade emprendedora como lema que empuxa a buscar no mercado á solución as penurias financeiras da universidade pública; Agís e o caso Elías como paradigma da prepotencia; etc, etc, etc.

É unha candidatura na que converxen todas as plataformas de PDI que existian ata agora (dereita, nacionalistas e progresistas, goberno e oposición, un revolto de difícil dixestión). Desde A Trabe sempre consideramos determinante definirse respecto dun modelo de universidade e desta acumulación de alternativas non é posible atisbar o modelo resultante. Artellada ademais baixo un candidato comprometido, como xa dixemos co pasado inmediato, non nos transmite credibilidade.


Por todo o dito, consideramos que o PAS non pode votar a este candidato e como, por limitacións legais, non podemos presentar un candidato a Reitor, mais ca de forma simbólica, a nosa opción nas eleccións a Reitor é: ¡VOTO EN BRANCO!. Participativo, activo, crítico, e a ser posible, coa vosa decisión, maioritario no colectivo PAS...

Liña A Trabe - USCTour
4ª Parada: Campus Sur
Lugo-Compostela-Claustro da USC

NESTA OCASIÓN TOCOU ESTREAR AUTOBUS AÍNDA QUE HAI ALGÚN PASAXEIRO DA ANTERIOR VIAXE QUE QUEDOU DURMIDO NAS ÚLTIMAS FILAS:

  1. Anxo Doval Rey. Non só é o actual presidente da Xunta de Persoal, tamén forma parte do equipo de fútbol da USC e entrena ao equipo feminino. Podedes atopalo na Biblioteca Concepción Arenal.
  2. Paco Castro Alvaredo. Outro activo participante nos órganos de representación da USC, tanto no Claustro coma no Comité de Empresa. Agora como funcionario destinado na Biblioteca Concepción Arenal preséntase novamente a estas eleccións.
  3. Luciano Romero Mosconi. Antigo membro do Comité de Empresa e actual membro do Claustro durante o mandato de Senén. É unha das voces que temos no Campus Sur, concretamente na Facultade de Farmacia.

3.5.06

03/05/2006 Presentación

Nosoutros seguimos na nosa Liña, así que vos propoñemos para hoxe:


  1. un novo capítulo de "Pola parte que nos toca", e
  2. que coñezades aos 3 pasaxeiros que se suben na Liña A Trabe no Casco Histórico de Compostela

(MAÑÁ, ADEMAIS DE SEGUIR NA NOSA LIÑA,

PRESENTAREMOS EN
EXCLUSIVA NESTE BLOG

O Nº 1 DO HIT PARADE UNIVERSITARIO)

03/05/2006

Pola parte que nos toca como “A TRABE

Explicamos o noso programa con propostas para a xestión e para os servizos pero tamén para a docencia e para a investigación, fieis á nosa tradición de participar pensando a Universidade no seu conxunto e reiteramos o compromiso de defender ese programa alí onde teñamos representación e onde teñamos oportunidade de facer oir a nosa voz.




A TRABE, unha vez máis, pídevos o voso apoio.

Pídevos o VOTO pero tamén a participación, as suxestións, as críticas e o compromiso cos servizos, coa USC e, en definitiva coa sociedade.


Liña A Trabe - USCTour
3ª Parada: Casco Histórico
Percorrido: Lugo-Compostela-Claustro USC

COMO PODEDES COMPROBAR, OS NOVOS VIAXEIROS QUE VOS PRESENTAMOS HOXE VEÑEN EMPURRANDO CON FORZA, POLO QUE AOS VELLOS NOS LLES QUEDOU MÁIS REMEDIO QUE RECUAR AOS ASIENTOS TRASEIROS:

  1. Lourdes Sesto Gontán. A nosa anterior presidenta da Xunta de Persoal é actualmente vocal, e tamén aspira a formar parte do Claustro. Podemos atopala no Gabinete de Prensa pola mañá ou ben pola tarde representando algunha obra teatral na USC ou defendendo aos cores do noso equipo feminino de futbol.
  2. José Arosa Salgado. Xa formou parte da anterior representación da Trabe no Claustro durante o mandato de Senén e nesta ocasión aspira a repetir. Na actualidade ten destino no Servizo de Xestión de Persoal.
  3. Isabel Vaquero Quintela. Unha das nosas máis experimentadas candidatas nos órganos de representación. Pertenceu e pertence ao Comité de empresa e ao Claustro. Tamén foi representante dos PAS na Mesa do Claustro e actualmente é membro da Comisión de asesoramento do Valedor da Comunidade Universitaria. O seu destino está, como todos sabedes, no Servizo de Normalización Lingüística.

POUQUIÑO A POUCO VAISE FACENDO O CAMIÑO, E AÍNDA QUE SÓ LEVAMOS A METADE ANDADO XA TEMOS O AUTOBUS CHEO, ASÍ QUE MAÑÁ TEREMOS QUE CONTAR COA AXUDA DOUTRO PARA QUE RECOLLA AO RESTO DE COMPAÑEIROS.

2.5.06

02/05/2006

Pola parte que nos toca como PAS

Temos que convencernos das nosas forzas. A nosa nimia representación numérica é de 24 claustrais dos 300 que compoñen o Claustro, (se se deciden a modificar a LOU pelexaremos unha vez máis por conseguir un número máis acorde coa representación real do PAS).




Quixeran poder mexar por nós e que dixeramos que chove, pero aínda sendo poucos en 24 anos a presenza do PAS no Claustro deu moito que falar e que facer.



Sen embargo temos que saber que a nosa forza ven máis do que representamos como sector e da nosa capacidade de organizármonos. Sempre fomos unha voz que se fixo oir e conseguimos que tivera un peso máis cualitativo ca cuantitativo. Faranos fortes saber que a Universidade sen nós non funciona, ou dito máis en positivo, nós somos imprescindibles para que a Universidade funcione. Calquera goberno da universidade sabe que sen contar co PAS non pode gobernar, o problema é que gobernar non sexa o que máis lle importe.

En conclusión, estamos dispostos porque o consideramos a nosa obriga a cooperar e a poñer toda a nosa capacidade profesional para mellorar os servizos pero queremos deixar claro que políticamente denunciaremos e confrontaremos coas políticas colaboracionistas e favorecedoras da mercantilización e as privatizacións na USC.
Liña A Trabe - USCTour
Segunda Parada:
Campus Norte

Percorrido: Lugo-Compostela- Claustro da USC

(Sentimos o cambio de autobus pero problemas de capacidade obrigáronnos a súa realización)

O TRAQUETEO DA VIAXE FIXO QUE OS TRES PASAXEIROS DE LUGO QUEDARAN AMORRIÑADOS NOS ASIENTOS TRASEIROS POLO QUE AS TRES NOVAS INCORPORACIÓNS DO CAMPUS NORTE DE COMPOSTELA TIVERON QUE SENTARSE NOS DIANTEIROS:

  1. Esther Hervés Sayar. Ademais de ter participado como membro do Claustro durante o mandato de Senén, tamén acadou recoñecemento na USC trala súa participación na pasada edición dos Monologos Monolingües. Na actualidade ten destino nun Departamento da Facultade de Ciencias da Educación.
  2. Dores Chedas Hervés. Compañeira moi comprometida coa USC xa que ademais de ser membro do Comité de Empresa tamén aspira a participar como membro do futuro Claustro. Podedes atopala na Conserxería de Xornalismo na quenda de tarde.
  3. José Luis Carral López. Foi membro da anterior Xunta de Persoal e aspira a ser claustral desta volta. Está destinado nun Departamento da Facultade de Económicas.