18.12.08

O CLAUSTRO DE 2008

O pasado xoves día 4 de decembro celebrouse a única reunión claustral deste ano que remata, cuestión esta que foi criticada por varios claustrais e á que o Reitor non puido responder máis ca unha retaila circunstancial a modo de desculpas.
Pola vontade de acordar cos representantes do sector a partida orzamentaria para cumprir co compromiso de equiparación coa Universidade de Vigo (hoxe referente no SUG), e por que aceptaron as nosas emendas, entre elas unha que pretende garantir que se acade esa equiparación definitivamente nos orzamentos de 2010, Votamos a favor destas liñas xerais dos orzamentos.
Tamén nos aceptaron unha emenda nas Liñas Xerais dos novos títulos de grao e posgrao para que todos contemplen a "adquisición de competencias en información" dentro dos coñecementos transversais que deben ofrecer os seus programas. Neste punto aproveitamos para facer patente a contradición entre aprobar unhas liñas xerais do orzamento con partidas para a Normalización Linguística, e o feito de que quen elabora ese orzamento, presente as liñas xerais das novas titulacións de grao e posgrao en castelán. Quén vai acreditar que eses cartos sirvan para algo, se membros do propio equipo de goberno non acreditan.
Por último propuxéronnos unha transación a outra emenda de supresión que facía referencia á agresiva mercantilización da universidade.
Hai sen embargo aspectos do Claustro, máis xerais pero non menos importantes que debemos comentar; porque actuar coa responsabilidade que supón representar ao PAS e considerar os seus intereses, debe inscribirse coherentemente no que representamos politicamente como Trabe, coa nosa tradicional defensa dunha universidade pública e comprometida socialmente co país.
A crónica deste claustro é a crónica da paulatina morte da participación, a constatación do feble entusiasmo que anima á comunidade universitaria alomenos no que son as canles formais de participación democrática. Xa sei que é un fenómeno xeral, que é a crise institucional, a infantilización da sociedade… Sen embargo, e aínda coa contraditoria sensación de formar parte desta representación infantil, creo que nos debemos resistir á tentación de mandar todo ao carallo e retirarnos á caverna escura de Platón.
Foi un claustro no que, seguindo a tendencia dos últimos, se contabilizaron pouco máis de 100 votos nada menos que para aprobar ou rexeitar as Liñas Xerais dos Orzamentos, é dicir 1/3 dos que debían estar. É certo que o descreto da política é importante e precisa a mirada da socioloxía honesta, da prudencia recomendable para non caer no reaccionario coa esperanza de que as novas xeracións nos aporten novos paradigmas; pero no caso concreto que nos ocupa é a nosa responsabilidade dicir que o reitor e goberno da USC se aproveitaron descaradamente da falta absoluta de resposta da comunidade universitaria para instalarse comodamente e na, maioría dos casos, xestionar seguindo o ronsel dos acontecementos. En moi poucas areas se notou cámbeo algún e nada fixeron por promover e incentivar a participación, máis ben todo o contrario.
Vexamos:
- Desde os tempos de Darío a USC tragou submisamente con financiamentos que se alonxaban ano tras ano da converxencia co resto do estado e non digamos con Europa. Xustificaron despois os seus silencios con que se equivocaran nas previsións de número de alumnos (o financiamento non condicionado cuantificase por nº de alumnos). Eles pensaban que lles ía chegar e gastaron coma se tiveran abundancia.
- Darío marchou e deixou o burato; Senén veu e empregouse a fondo para xustificar o burato que deixara o reitor da excelencia resolvendo a asfixia financeira co famoso PEEF que lle autorizaba un endebedamento de arredor de 40 millóns de euros. Por certo, cando algúns nos esforzabamos en crear un estado de opinión trasladando á sociedade a información sobre o paupérrimo financiamento universitario, outros desautorizábannos ou simplemente gardaban silencio. Algúns, que asinaron o PEEF entón, agora son tan críticos que ata votan en contra duns orzamentos nos que o PAS acada o obxectivo de equiparación con Vigo e, outros, sempre rematan partidariamente felicitando ao reitor.
- Volvendo á participación, en xeral o equipo de geberno, non conta coa Comunidade Universitaria: non trasladan aos órganos representativos ou á comunidade universitaria en xeral nin un só debate sobre nada e todo conclúe nunha política de xestos coma o discurso do reitor no acto de inauguración deste curso, un acto personalista que non busca a complicidade nin a participación da Comunidade Universitaria e coa sociedade.
- Coa adaptación ao EEES sucede o mesmo, nin un so debate nin unha soa crítica sobre o positivo e negativo do mesmo, nin unha soa aportación ou defensa do que puidera ter de peculiar e positivo o noso propio sistema (nin sequera o proceso de adaptación dos plans de estudios se fixo de maneira participada como demostraron algúns conflitos coma o de políticas); máis ben parece que actúan como axentes comerciais na tarefa de introducir as ideas do EEES sen máis, absolutamente incuestionable e irreversible. A expresión clara do pensamento único, quen lle poña chata é que está fóra da realidade.
- Na intrapolítica da USC hai, como mínimo, un desinterese pola función dos órganos colexiados, o claustro non se reúne nin as veces regulamentarias, o desenvolvemento estatutario é nulo, a modo de mostra: O regulamento da biblioteca universitaria BUSC é de 1998, por exemplo, non se adaptou aos estatutos publicados no 2004 xa tamén desfasados e manténse cunha definición e función da BUSC desfasada respecto da realidade actual; os regulamentos de PDI e PAS, para os que na aprobación dos estatutos se reservaron cuestións fundamentais, nunca se fixeron; a pesar de que nós, buscando a garantía do seu desenvolvemento, conseguimos meter unha transitoria que obrigaba a aprobalos no prazo dun ano, é dicir, antes do 9 de febreiro de 2005. A actual comisión de estatutos estivo traballando na adaptación destes ao novo marco legal da LOU modificada, traballo que o reitor desconsiderou e ignorou totalmente, etc, etc, etc.
- O seu Informe do reitor, relatorio de éxitos, neste claustro tivo un marcado carácter personalista: creación e participación en organismos de ámbito estatal, europeo ou mundial onde o noso reitor ten cargo ou é membro numerario; nun evidente empeño en obviar a existencia dun Vicerreitorado de Relacións Institucionais; algunha mención algo grandilocuente sebre a creación de institutos e centros de investigación que non reflicte moito a realidade e no que tivo que ser corrixido por algún investigador; ningunha mención a temas de participación interna.
Ese personalismo chegóu ó paroxismo de criticar públicamente a intervención de apoio por parte de Universidade Aberta ás futuras negociacións sobre un novo plano de financiamento, porque quen fixo a intervención era un Vicerreitor, e , xa se sabe, do equipo de goberno só fala él, que ninguén lle faga sombra a Cicerón.

Santiago 14 de decembro de 2008.

5.6.07

RESUMO DO CLAUSTRO DO 31 DE MAIO DE 2007

O xoves da semana pasada tivo lugar a segunda xuntanza deste novo Claustro:
Presentáronse un total de 64 emendas ao texto da Programación Plurianual das cales 8 corresponderon ao noso colectivo de PAS A Trabe.
Aproximadamente só un cinco por cento das emendas foron rexeitadas e, por primeira vez, existiu unha vontade de aceptar ou buscar un punto de consenso entre as propostas e os obxectivos do equipo de goberno e os da Trabe.

De seguido desenvolvemos máis polo miúdo o resultado das diferentes emendas presentadas:

CÓDIGO ÉTICO GLOBAL
En relación ao código ético global presentamos unha emenda de “supresión do texto” ao entendermos que este documento era un brinde ao sol e non facía ningunha achega á normativa xa existente. Finalmente, tralas explicacións do Valedor e da Comisión de traballo: - que non se trataba de normativizar nada, que non era máis que unha carta de presentación diante da sociedade ..., retiramos a emenda e decidimos absternos na votación ao texto.

LIÑAS XERAIS DA PROGRAMACIÓN PLURIANUAL
1. Presentamos varias emendas á redacción do apartado de Recursos Humanos acadándose en todas elas un novo texto consensuado no senso de:
- Demandar unha maior profesionalización da xestión, delimitando claramente aquelas competencias que, en relación ás funcións docentes e investigadoras, debe desenvolver o PDI e aqueloutras que debe desenvolver o PAS.
- En relación ás accións que se executarán para conseguir o obxectivo de adecuar o PAS ás novas necesidades de xestión e de apoio á docencia e investigación, solicitamos a inclusión do seguintes puntos:
* Que se promova a consecución dun acordo de condicións de traballo e de acceso para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia para garantir unhas condicións de traballo semellantes e facilitar a mobilidade dos traballadores e traballadoras das universidades galegas.
* Que se elabore un estudo de necesidades de PAS que se precisarán para a posta en marcha das infraestruturas recollidas na Programación.
* Que se garantan as condicións de seguridade dos espazos de traballo así como a mellora das infraestruturas e equipamentos do persoal de xestión.
* Que se elabore e execute un plan para a estabilidade do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación.
2. En relación ao apartado de Orientación Laboral e Autoemprego solicitamos a dotación do servizo e a estabilidade laboral do persoal a el vencellado. O equipo de goberno comprometeuse a realizar as negociacións necesarias coa Xunta de Galicia para garantir este obxectivo.
3. Dentro do Plano de Internacionalización da Universidade no que un dos seus obxectivos é a creación dun “Portal Web da USC en inglés” solicitamos que exista un compromiso de establecer o galego como idioma predeterminado de tódalas páxinas Web vencelladas ao Portal USC, dito compromiso foi aceptado.
4. Dentro do apartado das Infraestruturas solicítase que se realicen os proxectos do Edificio de Servizos Administrativos e do edificio de Depósito da Biblioteca durante o 2007 e a súa posta en marcha nos anos consecutivos. O equipo de goberno comprometeuse a facer o estudo durante 2007 e 2008 e, derivado deste, desenvolver os anteproyectos necesarios para a súa execución.
5. Finalmente, en relación aos aspectos da Seguridade solicítase a reubicación dos armarios de comunicacións próximos aos postos de traballo, solicitude que foi aceptada.

A Trabe fai unha valoración positiva, tanto das Liñas Xerais da Programación Plurianual como da actitude do equipo de goberno, xa que nos convocaron para presentarnos o documento e, posteriormente, para negociar-discutir as emendas presentadas polo noso colectivo. Como podedes ver no resume que vos achegamos todas elas foron aceptadas ou negociadas para acadar unha nova redacción máis axeitada. Tamén vos queremos comentar que esta vontade tamén existíu con outros colectivos, de aí que na votación final non houbera nin un só voto en contra, e tan só arredor de 10 abstencións. Isto non quita, tal e como comentamos no Claustro, que fagamos un labor de seguimento dos acordos e do documento finalmente aprobados.