20.3.06

DESDE LUGO sen rencor


En cuestión de non máis de 15 anos o campus de Lugo medrou espectacularmente pasando de ser un Colexio Universitario e tres escolas a gañar a categoría de Campus Universitario propiamente dito. Levantáronse novos edificios, mercáronse sofisticadas máquinas e aparellos, nomeáronse servizos, multiplicáronse as titulacións... Na tempada de matrícula, nas secretarías dos centros primeiro e na UXA despois ateigábanse os sobres de matrícula, o alumnado rebordaba as aulas, o investimento económico era grande; obvio sería que o PAS medrara dun xeito proporcional a ese crecemento do campus ...pois non. O campus de Lugo nunca tivo esas ratios nº de profesores/nº de alumnos/nº de PAS, que as técnicas e técnicos dan como satisfactorias. Nunca se crearon as prazas que cumprían onde cumprían, pode que se creara algunha alí onde non facía falla ningunha, o persoal contratado sempre estivo condenado a ter o seu posto de traballo (o seu pan, a súa vida, o seu benestar) no ar, en xeque, e a xogada que determinaba se por fin pousaban ou voaban definitivamente fóra prolongábase vergonzosamente anos e anos. Esta situación segue igual, as oposicións convócanse cada 7...ou 9 ...ou máis anos.

Ao chegaren os problemas económicos foi polo PAS, historicamente insuficiente, por onde rompeu a correa. O Plan de Equilibrio Económico e Financeiro nótase especialmente no noso colectivo.

Non só non se crean prazas senón que se eliminan as xa existentes, na maior parte dos casos arbitrariamente. Tampouco se cobren as baixas, polo tanto os servizos resíntense, non se dan, ou danse mal. Hai servizos nos que a mala xestión fai que traballadoras e traballadores, tendo as mesmas funcións e facendo o mesmo traballo, a fin de mes cobren diferente segundo sexan fixos ou contratados (bibliotecas,centraliña...), de nada lle valeron as sentenzas desfavorábeis aos xestores da USC, pois seguen caendo nos mesmos erros. En Lugo mantense unha proporción escandalosamente baixa de postos fixos no cadro de persoal con respecto a outro tipo de postos e situacións variopintas, ata o punto de que hai servizos enteiros sen persoal fixo ou incluso só con persoal subvencionado externo á Universidade e que están a funcionar deste xeito dende hai anos. Todo isto implica, ademais do gratuíto malestar do cadro de persoal, o desprestixio da institución pero, tanto ten, aos seus xestores, últimos responsábeis do funcionamento e da imaxe pública da USC, non se lles piden contas de ningún tipo e, como vergonza deben ter pouca...

A situación é complexa, pálpase claramente a ansia por desprestixiar e mesmo desmantelar todo o público. A universidade abriu sen taxa as portas a esta vaga de capitalismo, non salvaxe senón feroz e depredador, que se rexe só por criterios de rendibilidade económica, produtividade... por prezos, por cantidades... ¿e os valores eses que non se poden computar en cifras, en estatísticas? O valor, que non o prezo, é o que sempre prestixiou á universidade, non somos unha fábrica. En Lugo servizos como mantemento ou xardinería están concedidos a empresas privadas e o camiño segue cara á privatización.

O servizo de gardería é un misterio. Construíuse xa hai anos un precioso contedor, un edificio noviño do trinque con ben dotadas instalacións pero no que o po dos móbeis, as cenefas de precioso papel pintado descoladas, os berces a medio desembalar parecen clamar por unhas crianzas que non dan chegado.

A aposta polos servizos de deportes e cultura en Lugo foi e segue a ser de mínimos, ten máis que ver o Concello e outras institucións nas actividades deportivas e culturais para a comunidade universitaria, que a propia Universidade.

O PAS de Lugo somos xente ben formada pese a que dos cursos de formación chégannos ecos afastados e cando algún chega os compañeiros e compañeiras da tarde quedan co mel nos labios porque son poucos, disque, non é rendíbel contratar un docente para tan poucos ou máis ben ¿saberán os nosos xestores que a xornada de tarde tamén existe?

O campus de Lugo é lindo por certo, despois da muralla debe ser o emblema máis representativo da cidade, aquela por antiga e este por imaxe de modernidade, pero ¿esta imaxe é real? As novas esixencias e espazos de ensino europeos forzaron á modernización, o campus conta cunha magnífica biblioteca intercentros dotada dos máis modernos recursos, o mesmo pasa cos servizos xerais de investigación e co servizo de comunicacións e a centraliña como porta de entrada destas comunicacións desde o exterior, pero preguntámonos se a todos eses recursos se lles está sacando todo o partido, se esas modernas tecnoloxías chegan aos usuarios e usuarias como deberían, se as traballadoras e traballadores deses servizos dan posto en práctica todo iso ou se se atopan con pexas que dificultan o seu traballo, e o que é máis grave, se as decisións e a xestión económica que implica todo ese investimento están a ser avaliadas convenientemente ou dependen só de cada “responsable” ó que non se lle piden nunca explicacións ...porque o diñeiro público non lle doe a ninguén.

Non é un panorama bo o que estamos a describir, ao longo destes anos pouco melloramos, pero algo si e A TRABE confía en mellorar aínda máis porque cremos en nós mesmos e queremos á institución na que traballamos e pola que loitamos e loitaremos tamén dende este campus, o de Lugo, a carón sempre do de Compostela que tanto nos quere aínda que non se decate.

No hay comentarios: