
O mandato do reitor Barro non pasará á historia como un exemplo de “como saír dunha situación económica difícil”. En primeiro lugar, porque (incomprensiblemente) non se quixeron analizar as causas que levaron a USC a unha situación practicamente límite desde o punto de vista económico. En segundo lugar, porque a saída escollida compromete dun xeito moi serio o futuro a curto e medio prazo da Universidade.
Na situación descrita, endebedarse parecía o único camiño, pero debería cando menos acompañarse de medidas (efectivas e tamén simbólicas) de contención do gasto, de priorización de actividades e de busca do apoio das administracións que comparten responsabilidades coa Universidade, ben sexa polo seu papel de dirección sociopolítica (Xunta de Galicia), ben pola mera ubicación xeográfica (concellos de Santiago e de Lugo).
Pois nada disto ocorreu senón que, pola contra, o Concello de Santiago emprendeu unha furibunda batalla polo cobro do IBI á Universidade e esta, indefensa, cedeu sen practicamente contrapartidas. Do mesmo xeito a Xunta de Galicia presionou á Universidade para que esta elaborara un plan de equilibrio económico-financeiro con resultados lamentables en políticas de persoal, equipamentos e instalacións (habería que facer un apartado especial para falar da situación das instalacións deportivas da nosa Universidade!). Outra vez máis toda esta situación colleunos por sorpresa, totalmente indefensos...
Pero ademais do endebedamento financeiro (préstamos bancarios) hai outro sutil pero que cobra máis importancia: o financiamento de novos equipamentos e edificios a través de fórmulas de préstamos reembolsables; instalacións para as que ademais, como xa é tradición, non se calculan os custos de persoal nin os gastos correntes que levan asociados.
En canto á xestión, non queremos renunciar a que as competencias de xestión sexan exercidas por profesionais e non por políticos. A LOU diferencia claramente as competencias económico-financeiras, que deben estar baixo a dirección da Xerencia, das de dirección política, que corresponderán ao Consello de Dirección. Para iso é preciso que a Xerencia teña unha estrutura e un papel radicalmente diferentes ao que sufrimos nos últimos anos, pero desa batalla falamos noutros apartados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario