20.3.06

INVESTIGACIÓN NA USC, I+D+I: Indolencia + Deixación + Incompetencia?

A investigación, ou para ser máis concretos, a política de I+D+I ten unha importancia capital nas Universidades, por múltiples motivos:
  • É o fundamento dunha docencia de calidade e permanentemente actualizada
  • Serve á necesidade social de desenvolvemento e innovación
  • Contribúe de maneira decisiva ao financiamento da propia Institución

A investigación, como área fundamental da actividade universitaria, tiña un lugar privilexiado no Plan Estratéxico 2010 da USC. Calquera que lea ese documento debe preguntarse en que medida o camiño que levou a nosa Universidade nos últimos anos ten algunha relación con aquel documento ou, como estamos acostumados, estamos diante de declaracións de intencións dunha bondade intachable, pero que cumpriu xa a súa función no momento da súa aprobación e presentación á comunidade.
Como dicimos estamos moi habituados a esta forma de traballar para a galería, onde todo se permite e nada se cuestiona baixo os paraugas da calidade, da excelencia e outros termos igualmente baleiros de contido. Concretemos: O Plan Estratéxico fala da constitución dunha Unidade de Prospectiva Estratéxica da investigación, ente que debería detectar en que somos bos, priorizar áreas, apoiar outras. En resumo, trazaría as pautas de en que se investiga e quen pode facelo.

A realidade continúa amosando que a política de investigación se reduce a “que cada cal se busque a vida”.
Non hai unha incentivación dos grupos que teñen calidade demostrada (por non haber non hai nin grupos, cando menos de forma efectiva); non hai unha priorización estratéxica baseada en criterios (políticos, sociais, económicos, de oportunidade...); a produción científica dos investigadores serve para consagrar a idea de “café para todos” a través de repartos económicos simbólicos. Cada investigador (nos casos máis afortunados pódese falar de equipos estables, ás veces grupos) concorre ás distintas convocatorias de axudas públicas ou contacta do mellor xeito que pode con entidades privadas; moitas veces para prestarlle servizos baratos de dubidosa calidade universitaria. Claro que os servizos prestados son baratos por unha cuestión fundamental: a tremenda precariedade laboral dos investigadores en formación, con bolsas ou contratos dados directamente e, polo tanto, sen dereito de réplica. É certo que houbo pequenos avances, como a transformación en contratos das bolsas posdoutorais, pero grazas á perseveranza na reivindicación dos investigadores. Outros intentos, como a creación de RPT de investigadores de cara á súa estabilización, víronse freadas por falta de impulso político e tamén por non ter acometido melloras na xestión.

Pensamos que nunca se poderá falar de investigación de calidade mentres que este (para moitos, odioso) termo non se aplique a todo o proceso de elaboración dese produto. Proceso no que a man de obra debe ser o primeiro e máis coidado de tódolos elementos. Polo tanto o recoñecemento dun nivel retributivo digno e unhas condicións laborais acordes coa formación que posúen e o traballo que realizan deberían ser un dos eixos centrais da política de investigación. Moito se podería dicir tamén do emprendemento, mais non queremos caer na crítica fácil. O certo é que, con toda a controversia que xenera, esta área debería cando menos saír á luz, facendo un esforzo de divulgación e claridade acerca do seu cometido, en lugar de facerse en estruturas alleas á Universidade, e só para aqueles intereses que, sendo máis ou menos lexítimos, non teñen porque coincidir cos da nosa sociedade nin da nosa Universidade no seu conxunto.

Esta área, non o esquezamos, orixina máis titulares de prensa que toda a demais investigación que se fai nos departamentos e institutos. E os medios de comunicación non hai que descuidalos, aínda que detrás deses titulares non haxa máis nada.
Non é menos preocupante o papel de FEUGA en todo este asunto. Como Fundación que é debería servir a uns intereses de carácter público ou social; debería conectar aos nosos investigadores cos axentes económicos que poden solicitar os seus servizos e cumprir polo tanto o papel de axente de transferencia da investigación. Non obstante, sexamos claros. Feuga mantense como un espazo escuro de xestión, cuestionado sistematicamente por tódalas auditorías (e incumprindo de xeito flagrante o artigo 81 da LOU), que como a maioría das Fundacións neste país serve para eludir o que hai de positivo no sector público: a igualdade de oportunidades (contratación pública, etc.). Cando alguén escoite falar de maior eficacia en Feuga, que o traduza ao seguinte: utilización de fondos públicos sen o máis mínimo control a través do sistema, clásico pero efectivo, da entrega do cheque no momento. Por suposto, a Universidade non sabe nada. En canto á xestión da investigación e seguindo a Lei de Murphy, as cousas foron empeorando grazas ao papel silencioso pero constante do Consello de Dirección.

Volvendo ás intencións do Plan Estratéxico, ¿onde está o “soporte ao desenvolvemento da acción investigadora con recursos humanos e materiais e capacidade de xestión”? É absolutamente demostrable que o número de efectivos do PAS que participan directa e indirectamente na xestión da investigación descendeu durante este mandato reitoral. ¿Diminuíu en igual medida o volume de traballo, a complexidade da xestión, a eficacia e eficiencia esixidas interna e externamente? Todo o contrario, como calquera sabe. Se o Plan Estratéxico fora un contrato poderiamos denuncialo por incumprimento flagrante; pero non o é. Iso si, no seu día foi o documento estrela, a culminación dun período glorioso no que o reitor Villanueva gobernaba, e do que non conseguiremos recuperarnos en moitos anos.

No hay comentarios: