20.3.06

A CONSERXARÍA, servizo ameazado

As conserxarías son servizos neurálxicos dos centros.

Responsables da súa apertura e peche, e dos seus locais. Da súa calefacción, iluminación, fontanaría, máquinas, instalacións, e infraestruturas; dos seus accesos, da súa seguridade contra incendios, contra inundacións; atende as alarmas, recibe as alertas, detecta riscos; custodia as chaves, as tarxetas de acceso, os locais, os materiais…

É tamén o centro das comunicacións e a información: entre a dirección do centro e os usuarios, entre os usuarios e os servizos do centro, entre os alumnos e os profesores, entre os distintos servizos do centro, entre o centro e os servizos da Universidade, entre o centro e as empresas contratadas ou externas… Sela, custodia e distribúe o correo, recibe e envía faxes, recibe e redirecciona chamadas telefónicas, dá información do centro, da USC e do resto dos servizos.

Centraliza os avisos de avarías, soluciona as que lle competen, require a reparación das outras, coordina os traballadores, empresas ou servizos encargados de realizalas.

Mantén, custodia, almacena e prepara as aulas, os medios audiovisuais, informáticos e demais materiais de apoio á docencia.

É o servizo cunha visión máis xeral do centro. Mentres o resto dos servizos actúan no seu espazo físico e no seu ámbito de competencia, a conserxaría é coñecedora da problemática de cada un deles. Cambian as direccións, os docentes e os alumnos, mais a conserxaría mantén o coñecemento xeral do centro e adáptase aos cambios.

É o primeiro contacto co centro, e moitas veces coa Universidade, a súa primeira imaxe.

Non se esgotan aquí as funcións, tarefas e significados dunha conserxaría, ou dos postos de conserxaría, os da Área de Deportes, do Servizo de Correos, da Escola Infantil, as conserxarías dun único posto, e tantos outros pola USC adiante.

Nembargantes…

As conserxarías veñen sufrindo os ataques da política universitaria e xerencial nos últimos anos, cunha visión arcaica, sesgada, centralista e insultante destes servizos, e cunha politica desmanteladora, precarizadora, abandonada, de canto peor, mellor.

Primeiro co Plan Estratéxico (estratexia caníbal), escusa para todo, que cualifica pexorativamente os postos de traballo das conserxarías e afastando a esta dunha funcionarización que non pode agachar a “estratexia” de salvar estes para desfacerme dos outros, xunto coa xa famosa divide e vencerás.

Logo, coa aplicación práctica desa estratexia, nun convenio colectivo que, co gallo de promocionar, reconverte a metade das prazas desta área en informáticas, que se cubrirán con técnicos titulados ou licenciados que van cobrar salario de oficial de servizo. Unha manobra posíbel grazas ao brutal nivel de precarización da área (máis do 60% de contratados). Precarización brutal, si, pero non casual.

E todo isto acompañado polo mantemento dunha ratio de postos de traballo por número de alumnos que debe ser a peor indicada para este tipo de postos. Utilízase as conserxarías como destino de todo tipo de adaptacións de posto, produto dunha actuación puramente burocrática e do descoñecemento total da realidade funcional desta área.

O intento de creación dun grupo de mellora de conserxarías no ámbito de Calidade, contemporáneo cun Plan de PAS maioritariamente rexeitado, fala do sentido da oportunidade política da dirección da USC, da súa esquizofrenia executiva, ou da falta de respecto ás persoas e aos traballadores.

Por todo isto, e por moito máis, A Trabe propón:

  • A creación da ÁREA DE CONSERXARÍA
  • A unificación de criterios en todas as funcións comúns da ÁREA
  • O establecemento dun sistema ou órgano de consulta coa participación de representantes da ÁREA DE CONSERXARÍA
  • O deseño dunha política global da ÁREA
  • A paralización e retraemento do proceso actual, e a unificación de funcións e categorías
  • O remate inmediato da precarización da ÁREA DE CONSERXARÍA

POLA DIGNIFICACIÓN DA ÁREA DE CONSERXERÍA

3 comentarios:

Anónimo dijo...

¿E os conserxes saben que teñen que facer todo iso? Entón por qué unha luz pode estar fundida tres meses ou unha persiana rota un ano? ¿E por qué non poñen o teléfono para atender as chamadas no bar da facultade?

Anónimo dijo...

¡Xa estamos co anecdotario!. Segoro que ti estiveche mirando para a luz fundida 3 meses e non se che ocorreu dicirlle ao conserxe que había que cambeala.
O persoal de conserxerías non é máis nin menos responsable que calquera outro persoal, naturalmente que hai algúns que non cumplen co seu traballo, como en calquera outro servizo, incluída a docencia e a investigación, a cuestión é facer políticas que contribuan a crear unha cultura de compromiso co servizo e que os responsables políticos non parezan os primeiros interesados en deterioralos e desprestixialos. Nada contribue a iso elevar a anecdota a categoría.

Anónimo dijo...

Alguén sabe de quen foi a ideia de dividir en dúas categorías distintas ao persoal de conserxería. Sabiades que na complutense fixeran o mesmo e que tiveron que volver a xuntalas, como en Vigo.