Trala entrada en vigor da LOU, a regulación da figura do xerente da universidade atribuídas: a xestión dos servizos administrativos e económicos da universidade. En troques, existe unha diferencia, aparentemente imperceptible pero dunha importancia capital en canto o procedemento para o seu nomeamento. Así, onde a LRU empregaba a expresión "será nomeado polo reitor oído o Consello Social", agora a LOU no seu artigo 23 establece que "será proposto polo reitor e nomeado por este de acordo co Consello Social". 
Foto do Xerente da Universidade durante os últimos 3 anos.
(Este é o mellor perfil que puidemos atopar)
O feito de que na situación actual, teña que existir un acordo entre o reitor e o Consello Social obriga a dar un paso máis ala da simple presentación formal do candidato e do seu curriculum profesional. Xorde a necesidade de explicitar perante o Consello a definición dun programa de actuación xerencial que, con base nos principios político-programáticos do Consello de Dirección, concrete a definición e o desenvolvemento das competencias atribuídas á xerencia para o período do seu mandato.
Neste senso, ademais da xa tradicional atribución da competencia en materia de xefatura do PAS por delegación do reitor (que non parece estar en discusión), cumprirá definir axeitadamente o que se entende por "xestión dos servizos administrativos e económicos da Universidade".
Ao noso entender, durante todo este periodo de vixencia da LOU que coincidiu co mandato do Reitor Senén, o Xerente ou Xerenta foron Xefes de Persoal da Universidade, en ningún caso os responsables da xestión administrativa ou económica que se exerceu polo Vicerreitor de turno, destacadamente na área económica. Tamén ó noso entender, aí está unha boa parte da razón do marasmo de xestión que nos levou á situación de afogamento que derivou no Plan de Equilibrio Económico.
É evidente que calquera posto de responsabilidade directiva no ámbito do PAS está necesariamente suxeito a unha múltiple dependencia funcional, ás veces, ademais da xerencia, de varios vicerreitorados, da secretaría xeral ou mesmo do propio reitorado. Este é un feito que non está en discusión aquí, posto que o contrario significaría deixar baleiros de contido funcional ós vicerreitorados o que obviamente carece de sentido. Pero este panorama de multidependencia funcional dos cadros directivos do PAS, non debe ser un obstáculo para que a xerencia asuma responsabilidades directas e conforme un equipo da sua confianza cun marcado carácter profesional en cada área que coordine as responsabilidades de xestión nelas e asesore e apoie ó Consello de Goberno na toma de decisións:- Área de Xestión da investigación. Nela detéctanse polo menos dúas cuestións nas que conviría que a Xerencia exercese as súas competencias:
- A coordinación coa área económica da que hoxe é a unidade de xestión económica de I+D, no que atinxe ó control da realización efectiva dos ingresos que desa actividade se derivan.
- A potenciación do apoio técnico directo ós investigadores a través dunha maior cualificación e especialización do persoal técnico de investigación xa existente, e de novo persoal que atenda estas funcións.
- Área de xestión académica e docente. Debería rematar coa reestructuración das UXAS e coordenación da xestión académica e docente en centros e departamentos .
- Área de recursos humanos, que coordine os tres Servizos de Xestión de Persoal
- Área económica: abranguería a coordinación dos actuais servizos de xestión económica e de contabilidade e presupostos.
- Área de infraestructuras: comprendería a coordinación dos servizos que actualmente prestan a Oficina de Arquitectura e Urbanismo: OAU, e a Oficina de Xestión de Infraestructuras: OXI.
- Área de Tecnoloxías da información e comunicación: ATIC, coa coordinación dos seguintes servizos e proxectos:
- Servizo de comunicacións: SECUS, responsable das redes de voz e datos da USC.
- Servizos informáticos: SEIN, na actualidade, trala reestructuración, baleiros de contido funcional no que se refire á producción e desenvolvemento de proxectos e aplicacións, que se residenciaron no denominado SIEE (sistemas de información para contornos educativos), dentro do ámbito de actuación de UNIXEST.
- Servizo de atención ós usuarios e sistemas: SAUS, que veu demostrando ser un bó servizo de resolución de problemas informáticos. Non obstante cumpriría reformularse a actual número de efectivos e distribución dos mesmos e a súa integración de cara a unha atención aínda máis efectiva e estable dos distintos centros e servizos.
- O proxecto Campus Virtual,
- A coordinación das aulas de informática, con independencia da súa evidente vinculación funcional do Vicerrectorado de Organización Académica e Titulacións, cómpre redefinir o seu papel de cara á dotación de medios e recursos.
- Área de Recursos de Apoio á docencia, estudo e investigación. Incluiría Biblioteca, Servimav, Servizos nos Centros (informático, Aulas, etc).
- Área de difusión da Información. Con responsabilidades sobre o Servizo Web, COIE, Imprenta e Publicacións.
- Área de Servizos á Comunidade Universitaria. Deportes e Cultura, Servizo de Residencias, Prestacións sociais, etc.
Este equipo xerencial conformaría o Equipo de planificación e coordinación, estando a cargo deles persoal que, independentemente da sua orixe (docentes, PAS, externos á Universidade) deben ter un curriculum relacionado coa área . Este gabinete tería como misión básica, ademais da coordinación das distintas áreas, encadrar axeitadamentente a administración e os servizos da USC nunha política xeral de aposta pola calidade e no afondamento da concepción da Universidade como Servizo Público. Do seu traballo, dependería, en gran medida, que o colectivo de PAS da USC asumise sen dificultade ou "resistencia" ningunha a idea de que a calidade está directamente vinculada á avaliación da administración e dos servizos da USC, e de que é imprescindible a posta en práctica de procedementos e instrumentos de xestión que potencien a mellora permanente.
Fronte á estructura actual da xerencia, o modelo organizativo que se propón implica cambiar o criterio de territorialidade, baseado na dotación de vicexerencias nos campus de Santiago e Lugo, complementado cunha xerencia adxunta dedicada exclusivamente á área de recursos humanos, polo de coordinación técnica e funcional en todas as áreas, o que permite redimensionar a administración universitaria de acordo co volume de recursos humanos e económicos que manexa.
Non obstante, a integración do Campus de Lugo neste novo esquema organizativo debe de producirse mantendo a Vicexerencia de coordinación, reforzada cun gabinete de apoio que posibilite a integración transversal con todas as áreas funcionais definidas, pola vía da ampliación substancial e da efectiva aplicación da actual encomenda de xestión.
Dado que sería persoal de confianza do Xerente a provisión destes postos podería facerse polo sistema de libre designación ou como persoal eventual, pero en todo caso deben ser profesionais capacitados para desenvolver axeitadamente as funcións de coordinación e dirección das áreas descritas.
Esta estructura xerencial tería necesariamente como consecuencia a desaparición da figura do asesor do reitor en cuestións de xestión de cada Vicerreitorado (que é o que viñan facendo na maioría das ocasións), así como, sobre todo, as figuras de director/a – xefe/a de Área, docentes que dirixen servizos. Loxicamente a busca dos/as responsables destas Áreas pode facerse entre o Persoal docente desta ou outra Universidade, pero pasarían a ser xestores, e deixarían de ser docentes.