28.4.06

28/04/2006

Pola parte que nos toca,

Como cidadás e cidadáns que queremos que a investigación redunde no desenvolvemento integral do país, que sabemos que a Universidade Pública é o único garante de que as posibilidades de estudar dos nosos fillos non dependan da nosa renda e que a mellor Educación Superior estea ao alcance de todos e todas. Por que temos o convencemento de que a Educación é o medio máis potente para superar a miseria e a exclusión que segue afectando ás tres cuartas partes da poboación mundial, e nós, compañeiros e compañeiras, non estamos a salvo.

O actual proceso de converxencia europea en torno a un Espacio Europeo de Educación Superior estase pretendendo conducir polas políticas do Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AXCS), acordo que se proxecta nunha serie de declaracións e de disposicións legais ata chegar á Lei Orgánica de Universidades (LOU). Lei que o actual goberno, a pesar de apuntarse á contra no seu momento, non parece disposto a cambiar máis ca, se se dá o caso, moi superficialmente e nas cuestións que lles resultan incomodas ao PDI, especialmente no que se refire á promoción. O cambio nos distintos gobernos parece que sitúan no prioritario as políticas de I+D e pode que suavicen algo o estrangulamento financeiro pero, tanto eles como as propias universidades, manteñen un silencio clamoroso sobre os aspectos que teñen que ver coas distintas formas de mercantilización da Universidade.

Se miramos a documentación producida pola USC nos últimos anos, as súas mensaxes, e reparamos na linguaxe do seu discurso: a forma e a frecuencia con que aparece a palabra calidade asociada unicamente á imaxe, ao marquétin: a universidade emprendedora, a captación de recursos das empresas, a Universidade coma unha empresa, a rendibilidade económica, o coñecemento coma un produto susceptible de comercializarse ben como patentes (investigación) ou como cursos (educación), os estudiantes considerados e tratados como clientes, etc., darémonos conta de que o proxecto de universidade non responde ao tipo de educación superior pública que require o desenvolvemento integral do país, en todas as súas expresións. Se teñen algun modelo, este responde á formación que require o mercado para mellorar o rendemento do capital.

Cando os PAS montabamos a Coordinadora e berrabamos o noso manifesto buscando a complicidade da sociedade, o goberno da USC creaba interferencias para que non se oíra e os que non eran goberno, salvo contadas e honrosas excepcións, debilitaban o noso berro co seu silencio.


Nós pensamos que é hora da inflexión, dun goberno capaz de mobilizar á Comunidade Universitaria para cambear moitas inercias e poñer a defensa da Universidade Pública no centro do debate e no cerne do seu programa de goberno.

No hay comentarios: