20.4.06

PASO A PASO con convicción

“Contra o pesimismo da razón, optimismo da vontade”

A cita de Gramsci ilustra magnificamente a nosa firme vontade de loita fronte á crúa realidade que se nos presenta, as nosas conviccións mantéñennos no PASO a PASO conscientes de que isto é unha carreira de fondo con percorrido de por vida.

A TRABE é unha agrupación de PAS que foi construíndo a súa identidade desde que o marco xurídico da LRU auspiciou as primeiras eleccións aos organos de representación nesta democracia estamental na que o PAS ten unha representación cuantitativamente pequena, nos últimos 12 anos identificámonos como “A TRABE”.

Trátase dun espazo sectorial de diálogo e convivencia do nacionalismo con vocación integradora, estamos convencidos de que a síntese colectiva é posible unicamente como resultado dun proceso no que democracia e participación constitúan un binomio indivisible, pois unha sen a outra non son posibles. Sabemos que, como calquera organismo vivo, estamos expostos a múltiples elementos que agreden e erosionan a convivencia democrática e nós non nos consideramos inmunes, mais, con doses preventivas de respecto, crítica e coherencia, imos mantendo a saúde sen recorrer ás pócimas de Warren Sánchez.

Hai 16 anos propoñíamos: que che medre... a túa forza no claustro con CAPAS (Candidatura Aberta do PAS), hai 12 anos, xa como A TRABE, poñiámonos “a pe de obra”, hai 8 anos “Espiamos o esforzo” e hai 4 anos reincidiamos na idea do esforzo e da participación propoñendo un proxecto para ser “arte e parte”, sempre “PASO a PASO con convicción”

Como é sabido o PAS non foi arte e parte a pesar da nosa vontade de selo, e tendo en conta a política que fixo este equipo reitoral todo o PAS comprenderá que nós non tivemos, arte nin parte, máis ben fomos obxecto de tocamento nas partes.
Foron catro anos de desgoberno que contribuíron ao avance no proceso de mercantilización da Universidade Pública. Alguén calificou a este equipo de Goberno como “O goberno medusa” pois careceu da columna vertebral dunha política coherente. A situación financeira acadou límites catastróficos, mentres, o discurso político combina a palabra calidade cunha ampla fraseoloxía e UNIXEST, como alguen dicía na lista da TRABE, “medra coma un poliño de cuco nun niño de Paporroibo”.

Poderiamos facer un relatorio amplísimo sobre a xestión e concretamente sobre a xestión de PAS deste equipo e dos anteriores de Darío Villanueva, de como incumpliron ata o mandato estatutario de aprobar o Regulamento de PAS, de como mantiveron unhas relacións laborais torpes e sectarias, de como foron destruíndo todos os garantes dunha xestión transparente e non arbitraria, de como efectivamente cometeron e están cometendo arbitrariedades e incluso ilegalidades, como viñeron a demostrar varias sentencias, de como fixeron recaer no PAS o seu Plan de Equilibrio Económico e Financeiro (PEEF) mentres gastaban o equivalente en prebendas e deixaban os seus apoios a salvo. Poderiamos encher páxinas con todo isto, mais aínda así temos que dicir que non é a única, atrevemonos a dicir que nin a máis importante, razón que nos leva a ser críticos e a considerar que pola parte que nos toca non podemos confiar, a día de hoxe, nas alternativas que se nos presentan nestas eleccións a Reitor.

Pola parte que nos toca, como cidadás e cidadáns que queremos que a investigación redunde no desenvolvemento integral do país, que sabemos que a Universidade Pública é o único garante de que as posibilidades de estudar dos nosos fillos non dependan da nosa renda e que a mellor Educación Superior estea ao alcance de todos e todas. Por que temos o convencemento de que a Educación é o medio máis potente para superar a miseria e a exclusión que segue afectando ás tres cuartas partes da poboación mundial, e nós, compañeiros e compañeiras, non estamos a salvo.

A chamada Globalización ou Mundialización vai proxectando a súa sombra desde os distintos gobernos, en maior ou menor medida dependendo da súa cor, desde a Comisión Europea, desde organismos internacionais como: a Organización Mundial de Comercio (OMC), o Banco Mundial (BM) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI), coa intención decidida de aplicar políticas de mercantilización da educación, especialmente da superior.

O actual proceso de converxencia europea en torno a un Espacio Europeo de Educación Superior estase pretendendo conducir polas políticas do Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AXCS), acordo que se proxecta nunha serie de declaracións e de disposicións legais ata chegar á Lei Orgánica de Universidades (LOU). Lei que o actual goberno, a pesar de apuntarse á contra no seu momento, non parece disposto a cambiar máis ca, se se dá o caso, moi superficialmente e nas cuestións que lles resultan incomodas ao PDI, especialmente no que se refire á promoción. O cambio nos distintos gobernos parece que sitúan no prioritario as políticas de I+D e pode que suavicen algo o estrangulamento financeiro pero, tanto eles como as propias universidades, manteñen un silencio clamoroso sobre os aspectos que teñen que ver coas distintas formas de mercantilización da Universidade.

Se miramos a documentación producida pola USC nos últimos anos, as súas mensaxes, e reparamos na linguaxe do seu discurso: a forma e a frecuencia con que aparece a palabra calidade asociada unicamente á imaxe, ao marquétin: a universidade emprendedora, a captación de recursos das empresas, a Universidade coma unha empresa, a rendibilidade económica, o coñecemento coma un produto susceptible de comercializarse ben como patentes (investigación) ou como cursos (educación), os estudiantes considerados e tratados como clientes, etc., darémonos conta de que o proxecto de universidade non responde ao tipo de educación superior pública que require o desenvolvemento integral do país, en todas as súas expresións. Se teñen algun modelo, este responde á formación que require o mercado para mellorar o rendemento do capital.

Cando os PAS montabamos a Coordinadora e berrabamos o noso manifesto buscando a complicidade da sociedade, o goberno da USC creaba interferencias para que non se oíra e os que non eran goberno, salvo contadas e honrosas excepcións, debilitaban o noso berro co seu silencio.

Nós pensamos que é hora da inflexión, dun goberno capaz de mobilizar á Comunidade Universitaria para cambear moitas inercias e poñer a defensa da Universidade Pública no centro do debate e no cerne do seu programa de goberno.
Pola parte que nos toca, como traballadores da Administración Pública temos a responsabilidade de que a prestación de servizos aos usuarios sexa a mellor posible, ademais da responsabilidade de tipo deontolóxico, a necesidade de prestixiar o Servizo Público. Tamén por iso somos moi críticos coas políticas de PAS dos últimos equipos reitorales que contribuíron moi eficazmente á desmotivación e á perda de confianza na propia institución por parte dos traballadores, sen embargo esto non nos libra da nosa responsabilidade, cumprindo co noso traballo asegurando que os usuarios teñan sempre o servizo que demandan e esixindo aos responsables os medios e as políticas axeitadas. A TRABE ademais de pedirvos o voto para seguir sendo a voz do PAS no Claustro como fomos nestes anos, ata o punto de ser a voz crítica e emendante máis presente nun Claustro de asentidores, tamén vos pide este compromiso e esta atitude en cada posto de traballo.

Pola parte que nos toca como PAS, temos que convencernos das nosas forzas. A nosa nimia representación numérica é de 24 claustrais dos 300 que compoñen o Claustro, (se se deciden a modificar a LOU pelexaremos unha vez máis por conseguir un número máis acorde coa representación real do PAS). Sen embargo temos que saber que a nosa forza ven máis do que representamos como sector e da nosa capacidade de organizármonos. Sempre fomos unha voz que se fixo oir e conseguimos que tivera un peso máis cualitativo ca cuantitativo. Faranos fortes saber que a Universidade sen nós non funciona, ou dito máis en positivo, nós somos imprescindibles para que a Universidade funcione. Calquera goberno da universidade sabe que sen contar co PAS non pode gobernar, o problema é que gobernar non sexa o que máis lle importe. En conclusión, estamos dispostos porque o consideramos a nosa obriga a cooperar e a poñer toda a nosa capacidade profesional para mellorar os servizos pero queremos deixar claro que políticamente denunciaremos e confrontaremos coas políticas colaboracionistas e favorecedoras da mercantilización e as privatizacións na USC.

Pola parte que nos toca como “A TRABE”, Explicamos o noso programa con propostas para a xestión e para os servizos pero tamén para a docencia e para a investigación, fieis á nosa tradición de participar pensando a Universidade no seu conxunto e reiteramos o compromiso de defender ese programa alí onde teñamos representación e onde teñamos oportunidade de facer oir a nosa voz. A TRABE, unha vez máis, pídevos o voso apoio. Pídevos o VOTO pero tamén a participación, as suxestións, as críticas e o compromiso cos servizos, coa USC e, en definitiva coa sociedade.

¡VOTA A TRABE!



Candidatos a Reitor:

É o actual reitor, o responsable máximo dos últimos catro anos dun goberno universitario nos que vivimos abocados a combatir casi día a dia as súas decisións políticas: lembramos o Plan de PAS (a poítica de PAS en xeral); o non-xerente (tres anos en non-funcións); o caso da cuñadísima; os máis de 50 millóns de Euros de déficit; os esbozos de contabilidade creativa para disimulalos; a cobardía política frente ao goberno do partido popular e o seu estrangulamento financieiro sistemático e paulatino da USC; o PEEF para facer pagar aos de sempre a conversión do déficit en débeda; a fragmentación e mercantilización da USC ofrecida como golosina que xa paladean desde Universia as duplas Botín-Banco de Santander e Bill Gates-Microsoft, por exemplo; a calidade como lema valeiro e a universidade emprendedora como lema que empuxa a buscar no mercado á solución as penurias financeiras da universidade pública; Agís e o caso Elías como paradigma da prepotencia; etc, etc, etc.

É unha candidatura na que converxen todas as plataformas de PDI que existian ata agora (dereita, nacionalistas e progresistas, goberno e oposición, un revolto de difícil dixestión). Desde A Trabe sempre consideramos determinante definirse respecto dun modelo de universidade e desta acumulación de alternativas non é posible atisbar o modelo resultante. Artellada ademais baixo un candidato comprometido, como xa dixemos co pasado inmediato, non nos transmite credibilidade.

Juan Casares, aspirante a reitor, encabeza unha candidatura que inevitablemente está destinada a artellarse, ao menos neste momento, sobre o descontento e o cabreo como amalgama de coesión, lexítimo, pero non somos capaces de acreditar que se poda erguer un proxecto con garantías de viabilidade. O tempo encargarase de resolver esta cuestión, pero o único certo a día de hoxe é que configuran un proxecto que non coñecemos e do que non temos referencias suficientes para contrastalo.

Non ter participado nos gobernos recentes da USC líbraos, aos nosos ollos, de ter perdido a credibilidade para gobernar, pero a súa ausencia tamén como oposición activa durante todos estos anos failles carecer do bagaxe necesario para dotar ao seu proxecto da outra credibilidade política que tamén se reclama nestes casos. É como dicir que son descoñecidos políticos na USC, e aínda que esto non descalifica por si, apoialos desde o descoñecemento casi total no que hoxe nos atopamos seria pedirlle aos compañeiros e compañeiras do PAS que entregaran un cheque en branco, algo que en coherencia coa nosa traxectoria e as nosas conviccións non podemos facer. A Trabe non asina, nen endosa, cheques en branco.

Por todo o dito, consideramos que o PAS non pode votar a níngun dos candidatos e como, por limitacións legais, non podemos presentar un candidato a Reitor, mais ca de forma simbólica, a nosa opción é: ¡VOTO EN BRANCO!. Participativo, activo, crítico, e a ser posible, coa vosa decisión, maioritario no colectivo PAS...

Para as eleccións ao Claustro: Como cidadáns e cidadás, Como traballadores da Administración Pública e como PAS, pola parte que nos toca e por as partes que nos tocan, para o Claustro:

¡VOTA A TRABE!

1 comentario:

Anónimo dijo...

Non vos esquezades de que hai un terceiro candidato: XABARÍN(http://xabarinreitor.blogspot.com, apresentado polos CAF como medio para expresar o rexeitamento aos dous candidatos oficiais(dúas caras da mesma moeda). O voto nulo é a máis contundente forma de deixar claro que non tragamos co seu tripartito nin avalamos de ningún xeito a política desenvolvida por SEnén-Up nestes anos, baixo a cal nos agarda UN FUTURO MOI DEFICIENTE...
Adiante coas organizacións combativas que defenden o ensino público, galego e de cualidade!!!

A banda dos tullidiños.